Libro de Nehemías 8:1-18
8 Todo o pobo, coma un só home, xuntouse na praza que está diante da porta das Augas, e dixéronlle a Esdras, o escriba, que trouxese o libro da Lei de Moisés que o Señor tiña prescrito a Israel.
2 O sacerdote Esdras trouxo a Lei diante da asemblea, onde se atopaban os homes, mulleres e todos cantos eran capaces de comprende-lo que oían. Era o primeiro día do sétimo mes.
3 El leu no libro, desde o amañecer ata o mediodía, ós homes, mulleres e a cantos tiñan uso de razón. Os oídos de todo o pobo estaban atentos ó libro da Lei.
4 O escriba Esdras estaba en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión, e á súa dereita estaban Matatías, Xema, Ananías, Urías, Hilquías e Maseías; á súa esquerda, Pedaías, Mixael, Malaquías, Haxum, Haxbadanah, Zacarías, Mexulam.
5 Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois colocárase por cima da comunidade, e cando o abriu, o pobo púxose en pé.
6 Entón Esdras bendiciu ó Señor, o gran Deus, e todo o pobo respondeu: —“Amén, amén”, levantando as mans. Despois inclináronse e prosternáronse diante do Señor, rostro en terra.
7 Os levitas Iexúa, Baní, Xerebías, Iamín, Aqub, Xabtai, Hodiías, Maseías, Quelitá, Azarías, Iozabad, Hanán, Pelaías, explicaban a Lei ó pobo, e este mantíñase en pé sobre a praza.
8 Lían no libro da Lei de Deus, traducíndoo e facendo comprende-lo que lían.
9 Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote-escriba Esdras e os levitas que explicaban a Lei ó pobo, dixeron a toda a asemblea:
—“Este día está consagrado ó Señor, o voso Deus. Polo tanto, cesade no voso pranto e non choredes máis” (pois todo o pobo choraba ó oí-las palabras da Lei).
10 El díxolles:
—“Ídevos e comede ben, e bebede excelentes viños, e levádelles tamén ós que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ó noso Señor. Nin sigades tristes, porque o gozo do Señor é a vosa forza”.
11 E os levitas calmaban ó pobo enteiro, dicindo: —“Calade, porque este día está consagrado. Non sigades chorando”.
12 Entón retirouse todo o pobo a comer e beber, repartindo cos que non tiñan e manifestando unha gran ledicia, pois comprenderan as palabras do Señor que lles acababan de ensinar.
13 O segundo día, os xefes de familia de todo o pobo, os sacerdotes e os levitas reuníronse en torno ó escriba Esdras para distinguir ben o sentido das palabras da Lei.
14 Atoparon escrito na Lei, que o Señor lles dera por medio de Moisés, que os fillos de Israel debían habitar en tendas durante as festas do sétimo mes
15 e facérllelo saber e publica-lo anuncio en tódalas súas cidades e en Xerusalén nestes termos:
—“Saíde para a montaña e levade ramallos de oliveira, piñeiros e mirto; ramallada de palmeiras e doutras árbores frondosas para construí-las tendas, como está escrito”.
16 Entón o pobo saíu e levou con que face-las tendas, uns na azotea, outros nos patios, ou no adro do templo, na praza da porta das Augas e da porta de Efraím.
17 Toda a asemblea —os que viñeran da catividade— fabricou tendas e habitounas, cousa que xa non facían os israelitas desde os tempos de Xosué, fillo de Nun, ata este día. Foi motivo de gran ledicia.
18 Tódolos días, desde o primeiro ó derradeiro, leu Esdras o libro da Lei de Deus. As festas duraron sete días, e no oitavo houbo, segundo costume, unha solemne asemblea de clausura.