Xeremías 18:1-23
18 Esta é a orde que recibiu Xeremías da parte do Señor:
2 —Anda, baixa ó taller do oleiro, pois alí che comunicarei as miñas palabras.
3 Eu baixei ó taller do oleiro e vin que estaba no torno co seu traballo.
4 Cando ó oleiro lle saía mal o cacharro que estaba facendo, co barro que tiña na súa man transformábao noutro cacharro distinto, segundo lle parecía que o barro servía mellor.
5 Veume de novo a palabra do Señor nestes termos:
6 —¿Acaso non serei eu capaz de facervos a vós, casa de Israel, como fai este oleiro? —é o Señor quen fala—. Como está o barro na man do oleiro, así estades vós na miña man, casa de Israel.
7 De pronto falo contra un pobo e contra un reino, de arrincalo, arrasalo e destruílo;
8 pero, se este pobo contra quen eu falei se volve da súa iniquidade, eu arrepíntome do mal que pensei facerlle.
9 E de repente fálolle ó pobo e ó reino de edificalo e plantalo.
10 Pero se comete a iniquidade ós meus ollos, non facendo caso da miña chamada, entón arrepíntome do ben con que falei de o favorecer.
11 E agora fálolles ós xudeus e ós veciños de Xerusalén:
Así fala o Señor:
—Ollade, eu son o oleiro e estou dándolle forma a un desastre contra vós,estou maquinando algo contra vós.
Volvédevos, por favor, cada un do seu camiño de maldade,mellorade o voso comportamento e as vosas obras.
12 Pero eles din: —¡Fóra! Seguirémo-las nosas ideas,cada un de nós obrará conforme o seu corazón obstinado na maldade.
13 Por iso, así fala o Señor:
—Preguntádelles ós pagáns: ¿quen oíu tales cousas coma estas?
Vergonzosamente se espiu a virxe de Israel.
14 ¿Deixa o Poderoso de ser Rocha?
¿Deixa a neve o Líbano?
¿Minguan as augas alleas? ¿Minguan as fontes que corren?
15 ¡Como se esquece de min o meu pobo,como ofrece incenso a Nada,como tropeza nos seus camiños,para camiñar por corredoiras, por carreiros sen construír,
16 convertendo así a súa terra nunha desolación,nun noxo para sempre!
Todo o que a atravese quedará pasmado,daralle á cabeza para un lado e para outro.
17 Coma cun aire soán heinos esparexer na presencia dos inimigos;veréille-las costas, non a cara, o día da súa desgracia.
18 Eles dixeron:
—Ollade, tramemos plans contra Xeremías,pois a Lei non lle faltará ó sacerdote,nin o consello lle faltará ó sabio,nin a palabra ó profeta;vinde, castiguémolo pola súa lingua,e non fagamos caso das súas verbas.
19 —Aténdeme, Señor,escoita a voz dos meus inimigos.
20 ¿Págase, acaso, mal por ben?
Velaquí que cavaron para min un pozo.
Lémbrate de que estiven ante ti,para falar ben a favor deles,para apartar deles o teu noxo.
21 Por iso, entrega os seus fillos á fame,fainos desangrar coa forza da espada;queden as súas mulleres sen fillos e viúvas,sexan os seus homes mortos pola peste,os seus mozos feridos con espada na guerra.
22 Que se oian saír das súas casas os berros,cando de repente traias contra eles bandas de asasinos,porque cavaron un pozo para collermee esconderon alí trampas para os meus pés.
23 Pero ti, Señor, coñeces ben tódolos seus plans de morte contra min:
non lles perdóe-la súa iniquidade;o seu pecado non o borres da túa presencia.
Sexan eles quen tropecen e caian ante ti;na hora da túa ira actúa contra eles.