Xeremías 22:1-30
22 O Señor díxome isto:
—Baixa ó palacio do rei de Xudá, e proclama alí esta palabra:
2 Dilles:
—Escoita a palabra do Señor, rei de Xudá, que sentas no trono de David, ti, os teus servidores, e o pobo que entra por estas portas.
3 Así fala o Señor:
“Practicade o dereito e maila xustiza,librade o oprimido da man do opresor;non oprimades nin tratedes con violencia o estranxeiro, o orfo e a viúva;
non vertades sangue inocente neste lugar.
4 Ollade que se de verdade cumprides este precepto, entón poderedes entrar polas portas deste palacio os reis que, despois de David, vos sentades no seu trono, montados en carrozas e en cabalos, acompañado cada un dos seus servos e do seu pobo.
5 Se non facedes caso destas recomendacións, xuro por min mesmo —é o Señor quen fala— que este palacio se converterá nun palacio en ruínas”.
6 Así fala o Señor contra o palacio real de Xudá:
—Ti es para min coma Galaad, coma o cume do Líbano;pero olla que te vou converter nun deserto,en cidade deshabitada;
7 vou consagra-los destructores que virán contra ti,a cada un e mailo seu armamento:
eles cortarán o mellor dos teus cedrose botaranos ó lume.
8 Pasarán diante desta cidade moitos pobos xentís, e cada un diralle ó seu compañeiro: “¿Por que lle fixo isto o Señor a esta gran cidade?”.
9 E responderanlles: “Porque abandonou o pacto do Señor, seu Deus, para adorar e dar culto a deuses alleos”.
10 Non choredes por quen está morto,nin poñades loito por el;chorade a lágrima viva polo que marcha,sabede que non volverá outra veznin volverá ve-la terra onde naceu.
11 Pois isto é o que lle di o Señor a Xalum, fillo de Ioxías, rei de Xudá, que sucede a seu pai, Ioxías, no reinado: “O que saíu deste lugar, non volverá aquí outra vez,
12 pois morrerá no lugar a onde o desterraron e non volverá ver esta terra”.
13 Ai do que constrúe a súa casa inxustamente,e as habitacións de arriba inicuamente;usa coma escravo gratuíto o seu próximo,a quen para el traballa non lle dá o seu.
14 Este é o que di: “Voume facer unha casa ben grande,unhas habitacións ben anchas”;alóngalle as súas fiestras, faina de cedro e píntaa de encarnado.
15 ¿Acaso vas ser rei por superar ós demais no cedro?
O teu pai ¿acaso non comeu e bebeu?;practicou o dereito e a xustiza, e por isto lle foi ben.
16 Xulgou a causa do coitado e do pobre e entón foille ben.
¿Non consiste nisto coñecerme a min? —é o Señor quen fala—.
17 Pero ti non tes ollos nin corazónmáis que para a túa tallada;para o sangue inocente co fin de vertelo,para a opresión e para a violencia co fin de practicala.
18 Por iso así lle di o Señor a Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá:
—Non chorarán por el: “¡Ai, meu irmán, ai miña irmá!”.
Non se lamentarán por el: “¡Ai Señor! ¡Ai, Maxestade!”.
19 Enterrarase co enterro dun burro,será arrastrado e botado fóra das portas de Xerusalén.
20 Sube ó Líbano e berra, dá gritos en Baxán,berra desde Abarim, porque esnaquizaron os teus amantes.
21 Faleiche cando a túa prosperidade, e respondíchesme:
“Non quero escoitar”.
Este é o xeito de te comportares desde a túa mocidade:
non escoitáche-la miña voz.
22 O vendaval apacentará a tódolos teus pastores,e os teus amantes irán á catividade;entón si que te vas avergonzar,vaste sentir aldraxada por toda a túa ruindade.
23 Eu habito no Líbano, eu teño o niño nos cedros:
¿como aguantarás cando che veñan as dorese o retorcéreste coma no parto?
24 Pola miña vida —é o Señor quen fala— aínda que Ieconías, fillo de Ioaquim, rei de Xudá, fose o anel da miña dereita, si que te sacaría de aí
25 e te entregaría nas mans dos que atentan contra a túa vida, nas mans ante as que ti sentes angustia, na man de Nabucodonosor, rei de Babilonia e nas mans dos caldeos.
26 Logo botareite a ti e maila túa nai, a que te pariu, a outro país, onde non nacestes, e morreredes alí.
27 Pero á terra onde con toda alma anceian volver, nunca volverán.
28 Este tal Ieconías ¿é acaso unha vasilla artística desprezable e escacharrada?
¿É unha xerra onde non hai arte?
¿Por que o botaron fóra a el e maila súa descendencia?
¿Por que os afastaron nun país que non coñecían?
29 ¡Cidade, cidade, cidade, escoita a palabra do Señor!
30 Así fala o Señor:
—Inscribide este home coma “sen fillos”,home que na súa vida non ten sorte,pois non consegue un da súa descendenciapara que se poida sentar no trono de David,para que poida mandar de novo en Xudá.