Xeremías 34:1-22

34  Cando Nabucodonosor, rei de Babilonia e o seu exército, tódolos reinos da zona do seu dominio e todos estes pobos estaban en guerra contra Xerusalén e contra tódalas súas cidades, a palabra de parte do Señor veulle a Xeremías nestes termos:  así fala o Señor, Deus de Israel: —Vai e dille a Sedecías, rei de Xudá: Así fala o Señor: eu entrego esta cidade nas mans do rei de Babilonia que a incendiará.  Ti non escaparás da súa man; ben certo que serás arrestado e entregado á súa disposición; os teus ollos verán os ollos do rei de Babilonia e el en persoa falará contigo, e irás a Babilonia.  Con todo, escoita Sedecías, rei de Xudá, a palabra do Señor: así fala o Señor acerca de ti: non morrerás a espada.  Morrerás en paz e o mesmo que se queimaron perfumes polos teus pais, os primeiros reis, teus antepasados, así tamén os queimarán por ti e chorarán por ti: “Ai, Señor”. Son eu quen che dou a miña palabra —é o Señor quen fala—.  E o profeta Xeremías díxolle a Sedecías, o rei de Xudá, todas estas cousas en Xerusalén,  mentres as forzas do rei de Babilonia estaban loitando contra Xerusalén e contra as cidades de Xudá que aínda resistían: contra Laquix e Azecah, pois elas eran, entre as cidades de Xudá, as cidades fortes que quedaban.  Esta é a palabra que lle veu a Xeremías de parte do Señor, logo que o rei Sedecías fixo con todo o pobo, que se atopaba en Xerusalén, o pacto de proclamaren a liberdade dos escravos;  o pacto de que cada un mandaría libres o seu escravo e a súa escrava, hebreo ou hebrea, de xeito que por eles —por hebreos— non fose servido ningún irmán seu. 10  Fixéronlle caso tódalas autoridades e todo o pobo que entrara no pacto de que cada un mandaría libres o seu servo e maila súa serva, de xeito que non serían máis servidos por eles. Mantiveron a palabra e deixáronos ser libres. 11  Despois volvéronse da palabra dada e fixeron retorna-los servos e servas que deixaran libres, e fixeron que os servisen coma servos e coma servas. 12  Entón veulle de parte do Señor a Xeremías a palabra do Señor nestes termos: 13  Así fala o Señor, Deus de Israel: —Eu son quen fixo un pacto con vosos pais o día que os saquei do país de Exipto, da casa de escravos, nestes termos: 14  “Ó cabo de sete anos, cada un de vós liberará o seu irmán hebreo que lle fora vendido. Servirate seis anos, logo mandaralo libre de onda ti”. Pero os vosos pais non me fixeron caso, nin prestaron oído. 15  E vós hoxe xa vos converterades e fixeráde-lo que é xusto ós meus ollos, ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e facerdes un pacto diante de min, na casa onde se invoca o meu Nome. 16  Pero volvéstesvos atrás e profanáste-lo meu Nome, facendo cada un de vós volve-lo seu servo e a súa serva, que mandarades libres, e sometéstelos a ser servos e servas vosos. 17  Por iso, así fala o Señor: vós non me fixestes caso ó proclamardes cada un a liberdade para o seu irmán e para o seu compañeiro. Eu estou a proclamar contra vós a liberdade da espada, da peste e da fame, e convertereivos en algo que fará estremecer a tódolos reinos da terra —é o Señor quen fala—. 18  Os homes que quebrantaron o meu pacto, que non mantiveron os compromisos que eles pactaron, a estes entregareinos ás maldicións pronunciadas na presencia do becerro que cortaron en dous, pasando por entre os anacos. 19  Ás autoridades de Xudá e ás autoridades de Xerusalén, ós eunucos e ós sacerdotes e a tódolos campesiños, que pasaron entre os dous anacos do becerro, 20  entregareinos ó poder dos seus inimigos e ó poder dos que andan á busca da súa vida, e o seu cadáver servirá de carniza para os paxaros do ceo e para os animais da terra. 21  E a Sedecías e ós seus ministros entregareinos ó poder dos seus inimigos, ó poder dos que andan ó axexo da vida e ó poder dos exércitos do rei de Babilonia que se están retirando da vosa presencia. 22  Eu dou unha orde —é o Señor quen fala—, e fareinos volver a esta cidade: loitarán contra ela e prenderanlle lume; converterei as cidades de Xudá nunha desolación sen habitantes.

Notas ó pé