Xeremías 41:1-18
41 No sétimo mes, Ismael, fillo de Netanías, fillo de Elixamá, de caste rexia e un dos xefes do rei, veu con dez homes onda Guedalías, fillo de Ahicam, a Mispah; e, mentres comían xuntos en Mispah,
2 levantáronse Ismael, fillo de Netanías, e os dez homes que estaban con el, e golpearon coa espada a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, e déronlle morte a quen o rei de Babilonia constituíra gobernador do país.
3 E a tódolos xudeus que estaban con el, con Guedalías, en Mispah, e a tódolos caldeos que se atopaban alí, os homes de guerra, tamén os matou Ismael.
4 Dous días despois de matar a Guedalías, aínda ninguén sabía nada,
5 e uns homes de Xequem, de Xiloh e de Samaría, uns oitenta, cada un coa barba rapada, cos seus vestidos rachados, e con incisións rituais, viñan traendo ofrendas e incenso nas súas mans para o templo do Señor.
6 Ismael, fillo de Netanías, saíu de Mispah ó seu encontro, chorando mentres camiñaba. Cando se xuntou con eles, díxolles:
—Vinde onda Guedalías, fillo de Ahicam.
7 Cando chegaron ó centro da cidade, Ismael, fillo de Netanías, fíxoos espertar da éxtase e botounos ó fondo do pozo, axudado polos homes que estaban con el.
8 Pero dez homes, que se atopaban entre eles, dixéronlle a Ismael:
—Non nos mates, pois temos riquezas escondidas no campo: trigo, cebada, aceite e mel.
E el deixounos, e non os matou coma a seus irmáns.
9 O pozo onde Ismael botou tódolos cadáveres dos homes que matou con Guedalías, foi o pozo que fixo o rei Asá por medo a Baxá, rei de Israel. Ismael, fillo de Netanías, encheuno de cadáveres.
10 Ismael levou cativo a todo o resto do pobo que estaba en Mispah, as princesas e a todo o pobo que alí quedaba, e que Nebuzardán, xefe da garda persoal, confiara ó goberno de Guedalías, fillo de Ahicam. Ismael, fillo de Netanías, levounos cativos e marchou coa idea de pasarse ós amonitas.
11 Cando Iohanán, fillo de Caréah, e tódolos capitáns das tropas que estaban con el, oíron todo o mal que fixera Ismael, fillo de Netanías,
12 colleron a tódolos homes e foron loitar contra Ismael, fillo de Netanías, e alcanzárono xunto á grande lagoa que hai en Gabaón.
13 Así que todo o pobo que estaba con Ismael viu a Iohanán, fillo de Caréah, e a tódolos capitáns das tropas que estaban con el, encheuse de alegría.
14 E todo o pobo que Ismael levaba cativo desde Mispah deu media volta, e, cambiando de dirección, pasouse a Iohanán, fillo de Caréah.
15 Ismael, fillo de Netanías, escapou con oito homes do alcance de Iohanán, e foise xunto ós amonitas.
16 Entón Iohanán, fillo de Caréah, e tódolos capitáns das tropas que estaban con el, recolleron a todo o resto do pobo, oriundo de Mispah, que trouxeran de xunto a Ismael, fillo de Netanías, despois que este matara a Guedalías, fillo de Ahicam: homes valentes, homes de guerra, mulleres, meniños e eunucos, foi o que trouxeron de Gabaón;
17 puxéronse ó camiño e pararon nun refuxio de perseguidos que hai ó lado de Belén, para logo continua-lo camiño e penetrar en Exipto,
18 lonxe da presencia dos caldeos, pois tíñanlles medo, xa que Ismael, fillo de Netanías, matara a Guedalías, fillo de Ahicam, a quen o rei de Babilonia constituíra gobernador do país.