Xeremías 46:1-28
46 Circunstancia na que lle comezou a vir a Xeremías a palabra do Señor contra as nacións.
2 Sobre Exipto, contra as tropas do faraón Nekó, rei de Exipto, cando se atopaba xunto ó río Éufrates, en Kárkemix, cando o derrotou Nabucodonosor, rei de Babilonia, no ano cuarto de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá:
3 Preparade os escudos e os petos,marchade á guerra.
4 Aparellade os cabalos,montade os corceis.
Mantédevos na vosa posición cos cascos,afiade as lanzas,vestide as coirazas.
5 ¿Que é o que estou a ollar?
Eles están cheos de pavor,retíranse para atrás,os máis valentes de entre eles son tallados en anacos,escapan ó refuxio,non volven a cara,terror por todo o arredor—oráculo do Señor—.
6 O máis lixeiro non pode fuxir,o máis valente non pode escapar polo norte,contra un brazo do río Éufrates tropezan e caen.
7 ¿Quen é este que sobe coma o Nilo,este con augas que medran coma as dos ríos?
8 É Exipto que sobe coma o Nilo,coma ríos engordan as súas augas.
Dicía: “Subirei e alagarei o país,destruirei a cidade e os seus habitantes”.
9 Subide, cabalos;que saian os máis valentes:
os de Etiopía e os de Libia que embrazan o escudo,e os luditas que agarran e tensan o arco.
10 O día aquel será, para o noso Señor Deus dos Exércitos,o día da vinganza para se vingar dos seus inimigos.
A espada devora e fártase,está borracha do seu sangue.
¡Que sacrificio para o noso Señor, Deus dos Exércitos,no país do norte, xunto ó río Éufrates!
11 Sube a Galaad a buscar bálsamo,virxe, filla de Exipto:
en van multiplíca-las curas,non hai remedio posible para ti.
12 As nacións decátanse da túa vergonza,os teus berros enchen a terra:
Velaquí, un valente tropeza contra outro valente,e os dous caen xuntos.
13 Esta é a palabra do Señor que lle veu ó profeta Xeremías, cando Nabucodonosor, rei de Babilonia, veu castiga-lo país de Exipto:
14 Comunicádeo en Exipto, pregoádeo en Migdol,pregoádeo en Menfis e en Tafnes,dicide: ¡En posición, firme, ti!,que a espada devora no teu arredor.
15 ¿Por que foxe Apis?,¿Por que o teu touro non se ten de pé?
Velaí o Señor, que o empurrou,
16 tropeza moito, caeu ruidosamente.
Cada un diralle ó seu compañeiro:
“¡En pé! Volvamos co noso pobo,á terra da nosa orixe,por causa da espada poderosa”.
17 Invocade o nome do Faraón, rei de Exipto;ó seu poder xa lle pasou o momento.
18 Pola miña vida —oráculo do Reique ten por nome Señor dos Exércitos—,que así como o Tabor está sobre as montañas,e como o Carmelo está sobre o mar,así virá.
19 Axeita os teus útiles para a catividade,poboación, filla de Exipto,velaí Menfis que se volverá unha desolación,quedará devastada, sen habitantes.
20 Como xuvenca bonita preséntase Exipto:
desde o norte velaí vén un tabán.
21 Velaí os seus mercenarios no medio dela:
son coma xatos de ceba.
Tamén eles lle volven a cara,corren todos xuntos sen parar,o día da desgracia vén sobre eles,a hora do seu castigo.
22 A súa voz é coma a da serpente que asubía,porque veñen con forza;con machadas veñen contra el,coma os que cortan as árbores;
23 cortan a súa foresta —é o Señor quen fala—aínda que é impenetrable;multiplicáronse máis cós saltónsnon teñen número.
24 A filla de Exipto está chea de vergonza,entrégase ó poder do pobo do norte.
25 O Señor dos Exércitos, Deus de Israel, di:
—Hei castiga-lo deus Amón de Tebas, o Faraón e Exipto, os seus deuses e os seus reis, o Faraón e os que confían nel,
26 e entregareinos ó poder dos que buscan acabar coa súa vida, ó poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e ó poder dos seus servidores. Despois disto, Exipto vivirá tranquilo, coma nos tempos pasados —é o Señor quen fala—.
27 Pero ti, meu servo, Xacob, non teñas medo,non te asustes, Israel,pois eu voute salvar traéndote dun país remoto,e a túa descendencia desde o país da súa catividade.
Xacob volverá e vivirá tranquilo,estará en paz e non haberá quen o moleste.
28 Ti, meu servo, Xacob, non teñas medo—é o Señor quen fala—,mira: eu estou contigo;realizarei a destrucción entre tódolos pobos,onde te dispersei,pero a ti non te destruirei,senón que te castigarei como é debido,pois non te puiden declarar inocente.