Libro de Xosué 1:1-18

1  Despois da morte de Moisés, servo de Deus, díxolle o Señor a Xosué, fillo de Nun, servo de Moisés:  —“O meu servo Moisés morreu; así que agora, érguete, e pasa o Xordán con todo este pobo, cara ó país que eu lles dou a eles, ós fillos de Israel.  Calquera lugar que pise a planta dos vosos pés, volo entrego, tal como lle teño dito a Moisés.  Os vosos lindeiros irán desde o deserto e mailo Líbano Leste, ata o Río Grande (o Éufrates), e todo o país dos hititas, ata o Mar Grande, no Occidente.  Ninguén se che poderá arrepoñer durante toda a túa vida. Do mesmo xeito que estiven con Moisés, estarei tamén contigo: non te fallarei nin te abandonarei.  Se rexo e valeroso, pois ti farás herdar a este pobo a terra que xurei ós seus devanceiros que lles había de dar.  Soamente has de ser rexo e coraxudo, para cumprir toda a Lei que dispuxo o meu servo Moisés. Non te desvíes dela nin á dereita nin á esquerda, de xeito que teñas boandanza en todo o que acometas.  Endexamais non arredarás da túa boca o libro desta Lei: meditaralo de día e mais de noite, de xeito que cumpras tódalas súas prescricións, pois daquela daráseche ben o teu camiño e terás boandanza.  ¿Logo non cho dixen xa?: se rexo e valeroso; non teñas medo nin te empequenezas, pois o Señor, o teu Deus, estará contigo en todo o que acometas”. 10  Entón Xosué deu esta orde ós oficiais do pobo: 11  —“Ide polo medio do campamento, e pregoádelle á xente o seguinte: collede provisións, pois dentro de tres días atravesaredes este Xordán, para tomardes posesión da terra que o Señor, o voso Deus, acordou que herdedes”. 12  E ós rubenitas, ós gaditas e á media tribo de Menaxés, díxolles Xosué: 13  —“Lembrade aquilo que vos mandou Moisés, servo do Señor: O Señor, o voso Deus, concédevos acougo, dándovos esta terra. 14  As vosas mulleres, os vosos rapaces e mailo voso gando, ficarán xa na terra que vos deu Moisés nesta banda do Xordán; pero vosoutros, tódolos guerreiros, pasaredes armados diante de vosos irmáns, e axudarédelos, 15  ata que o Señor lles dea acougo como a vós, e tomen posesión tamén eles da terra que o Señor, o voso Deus, lles entregou. Daquela, voltaredes á terra da vosa herdanza, e tomaredes posesión dela —da que vos deu Moisés, servo do Señor—, na banda oriental do Xordán”. 16  Eles respondéronlle a Xosué: —“Faremos todo canto nos mandaches, e iremos a onde queira que nos envíes. 17  Do mesmo xeito que obedecemos a Moisés, obedecerémosche a ti; abonda con que o Señor, o teu Deus, estea contigo como estivo con Moisés. 18  Quenquera que se arrepoña contra as túas decisións, e non escoite as túas palabras —todo o que nos mandes—, será entregado á morte. Ti soamente se rexo e valeroso”.

Notas ó pé