Libro de Xosué 13:1-33
13 E Xosué ía xa vello, eivado cos anos, e díxolle o Señor: —“Ti volvícheste vello, entrado en anos, e queda aínda moita terra por conquistar.
2 Esta é a terra que falta: todo o territorio dos filisteos e todo o país dos guexuritas.
3 Desde Xihor, que está enfronte de Exipto, ata o lindeiro de Ecrón, polo norte —que se ten por cananeo—, os cinco principados dos filisteos: o de Gaza, o de Axdod, o de Axquelón, o de Gad e o de Ecrón, a maiores dos hivitas.
4 Desde o sur, toda a terra dos cananeos, e Mearah —que está a carón dos sidonios—, ata Afec, lindeiro dos amorreos;
5 a rexión guiblita e todo o Líbano polo nacente do sol, desde Baal-Gad —a pé do monte Hermón—, ata a entrada de Hamat;
6 tódolos habitantes da montaña, desde o Líbano ata Misrefot-Maim, tódolos sidonios. Eu botareinos a todos diante dos fillos de Israel. Ti soamente tes que reparti-la terra como herdanza para Israel, segundo che teño mandado.
7 E agora fai as partillas da herdanza para as nove tribos e maila media tribo de Menaxés.
8 Con estes colleron tamén os rubenitas e os gaditas a súa herdanza, que llela dera Moisés na outra banda do Xordán, no oriente, tal como dispuxera Moisés, servo do Señor.
9 Desde Aroer —que está á beira do torrente Arnón—, e o pobo que está no medio do torrente, e toda a terra cha que vai desde Medeba ata Dibón,
10 e mais tódalas cidades de Sihón, rei dos amorreos —que reinou en Hexbón—, ata o lindeiro dos fillos de Amón;
11 Galaad e o territorio dos guexuritas e os macateos, toda a montaña do Hermón e todo o Baxán ata Salcah.
12 No Baxán, todo o reino de Og, que reinou en Axtarot e mais en Edrei, e que era o reducto dos Refaím ata que Moisés os venceu e expulsou.
13 Non obstante, os fillos de Israel non botaron fóra ós guexuritas nin ós macateos, e habitou Guexur e Macat no medio de Israel ata o día de hoxe.
14 Soamente á tribo de Leví non lle deu terra Moisés: a súa herdanza é o lume do Señor, Deus de Israel, tal como El lles prometera.
15 Deu Moisés herdanza á tribo dos fillos de Rubén, de acordo coas súas familias.
16 E os lindeiros deles foron desde Aroer, que está á beira do torrente Arnón, e o pobo que está ó fondo do torrente, toda a terra cha que está a pé de Medebá;
17 Hexbón e tódalas súas vilas da terra cha; Dibón, Bamot-Baal, Bet-Baal-Meón,
18 Iahsah, Quedemot, Mefáat,
19 Quiriataim, Sibmah, e Séret-Xáhar, no outeiro do val;
20 e Bet-Peor, Axdot-Pisgah e Bet-Ieximot.
21 E tódalas vilas da terra cha e tódolos dominios de Sihón, rei dos amorreos, que reinou en Hexbón, e que o venceu Moisés a el e mais ós príncipes de Madián: Eví, Réquem, Sur, Hur, e Reba, oficiais de Sihón e veciños do país.
22 E a Balaam, o adiviño, fillo de Beor, matárono os fillos de Israel coa espada, o mesmo ca a outros.
23 E foron os lindeiros dos fillos de Rubén, o Xordán e a súa ribeira. Estes eran os eidos dos fillos de Rubén, segundo as súas familias: as vilas e aldeas.
24 E deu terras Moisés á tribo de Gad —ós fillos de Gad—, segundo as súas familias.
25 E foron os lindeiros deles Iazer e tódalas cidades de Galaad, e a metade do país dos fillos de Amón ata Aroer, que está enfronte de Rabah;
26 e, desde Hexbón, ata Ramah-Mispeh e Betonim; e, desde Mahanaim, ata o límite de Debir.
27 E no val, Bet-Aram, Bet-Nimrah, Succot, Safón, o resto do reino de Sihón —rei de Hexbón—, o Xordán e a súa ribeira, ata o remate do mar de Quinéret, pola outra banda do Xordán, ó oriente.
28 Esta é a herdanza dos fillos de Gad, segundo as súas familias: as vilas e as aldeas.
29 E deu terras Moisés á media tribo de Menaxés. E foron os lindeiros da media tribo de Menaxés, segundo as súas familias,
30 desde Mahanaim todo o Baxán, todo o reino de Og, rei do Baxán, e tódolos lugares de Iaor que hai no Baxán: sesenta pobos.
31 E medio Galaad, Axtarot e Edrei, cidades do reino de Og, no Baxán, foron para os fillos de Maquir, fillo de Menaxés, ou máis ben para a metade dos fillos de Maquir, segundo as súas familias.
32 Estes son os eidos que distribuíu Moises na terra cha do Moab, na outra banda do Xordán, ó oriente de Iericó.
33 E á tribo de Leví non lle deu Móises eido ningún. O Señor, Deus de Israel, El é a súa herdanza, segundo lles prometera El”.