Libro de Xosué 17:1-18
17 E tocoulle a partilla á tribo de Menaxés (pois el era o primoxénito de Xosé). A Maquir, primoxénito de Menaxés e pai de Galaad, por ser guerreiro, déuselle Galaad e Baxán.
2 E houbo tamén para o resto dos fillos de Menaxés, segundo as súas familias: para os fillos de Abiézer, para os de Hélec, que eran fillos de Asriel, os de Xequem, os de Héfer e os de Xemidá, todos eles fillos varóns de Menaxés —o fillo de Xosé—, segundo as súas familias.
3 Pero Selofhad, fillo de Héfer (o fillo de Galaad, o fillo de Maquir, fillo de Menaxés), non tivo fillos varóns, senón só fillas. Os nomes das súas fillas eran estes: Mahlah, Noah, Hoglah, Milcah e Tirsah.
4 E foron onda o sacerdote Elazar, onda Xosué o fillo de Nun, e mais onda os príncipes, dicindo:
—“O Señor mandou a Moisés darnos herdanza no medio de nosos irmáns”.
E déronlle-la partilla entre os irmáns de seu pai, de acordo co mandamento do Señor.
5 E tocáronlle a Menaxés dez partes, ademais da terra de Galaad e o Baxán (que está na outra banda do Xordán),
6 pois as fillas de Menaxés recibiron a herdanza no medio dos parentes del, sendo a terra de Galaad para os fillos varóns de Menaxés.
7 E o lindeiro de Menaxés ía desde Axer ata Micmetat (que está enfronte de Xequem), continuando cara a Iamín, onda os veciños de En-Tapúah.
8 A terra de Tapúah correspondeulle a Menaxés; pero a aldea —situada no extremo de Menaxés, pertencía ós fillos de Efraím.
9 E baixaba o lindeiro ó torrente de Canah polo sur do torrente. Esas cidades de Efraím estaban no medio das cidades de Menaxés e o lindeiro de Menaxés ía tamén polo norte do torrente ata saír ó mar.
10 Polo sur estaba Efraím; e polo norte Menaxés, tendo como lindeiro o mar; e atopábanse polo norte en Axer, e, polo leste, en Isacar.
11 E foron para Menaxés, en Isacar e en Axer, Bet-Xeán e as súas vilas, Ibleam e as súas vilas, e os veciños de Dor e das súas vilas, e os veciños de En-Dor e das súas vilas, e os veciños de Tanac e das súas vilas, e os veciños de Meguido e das súas vilas: tres outeiros.
12 Pero os fillos de Menaxés non puideron botar fóra ós veciños daquelas cidades; e viviron tranquilos os cananeos residindo naquela terra.
13 Cando os fillos de Israel se enforteceron, impuxéronlles tributo ós cananeos; pero botar, non os botaron.
14 E protestaron os fillos de Xosé a Xosué, dicindo:
—“¿Por que nos destes só unha parte da herdanza e da terra, sendo nós un pobo numeroso, bendicido por Deus ata o remate?”
15 Respondeulles Xosué:
—“Se sodes un pobo numeroso, abride camiño na foresta, e preparade para vós alí, na terra dos perizitas e dos Refaím, xa que vos vén estreita a montaña de Efraím”.
16 Dixeron entón os fillos de Xosé:
—“O monte non é abondo para nós; e ademais tódolos cananeos que habitan en terra cha teñen carros de ferro, tanto os que están en Bet-Xeán e nas suás vilas, como os que moran na chaira de Iezrael”.
17 E dixo Xosué á casa de Xosé —a Efraím e a Menaxés—:
—“Ti es un pobo grande e tes moita forza: non levarás unha partilla soa,
18 pois o monte será para ti. Como hai madeira, cortarala e aproveitaraste dela: e os seus lindeiros serán teus, pois botarás fóra ós cananeos, anque teñan carros de ferro e sexan tamén eles fortes”.