Libro de Xosué 9:1-27
9 En oíndo isto tódolos reis da beira do Xordán, das montañas e da Xefelah e de tódalas costas do Mar Grande de fronte ó Líbano —os hititas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos—,
2 preparáronse todos á xunta para loitaren contra Xosué e contra Israel, todos eles de acordo.
3 Os veciños de Gabaón oíron o que fixera Xosué con Iericó e con Ai,
4 e actuaron tamén eles con retranca, tencionando pasar por mandadeiros. E colleron sacos vellos para os seus xumentos, e coiros de viño vellos, e semellaban fendidos e anguriados,
5 con calzados vellos e remendados nos seus pés, e vestindo roupa gastada; e todo o pan do seu fornecemento estaba balorecido e esmigallado.
6 E foron onda Xosué, ó campamento de Guilgal, e dixéronlle a el e mais a tódolos homes de Israel: —“Vimos de terra remota, para che pedirmos que fagas un trato connosco”.
7 E respondéronlle-los homes de Israel ós hivitas: —“Pode que habitedes entre nós, e entón, ¿como imos facer un trato convosco?”
8 Eles dixéronlle a Xosué: —“Sómo-los teus servos”. Daquela, preguntoulles Xosué: —“¿Quen sodes, e de onde vides”?
9 Respondéronlle: —“Os teus servos veñen dunha terra moi remota, por mor do nome do Señor, o teu Deus, pois chegou ós nosos oídos a súa sona, todo o que fixo en Exipto
10 e o que fixo cos dous reis amorreos da outra banda do Xordán: con Sihón, o rei de Hexbón, e con Og, o rei do Baxán, que vivía en Axtarot.
11 E dixéronno-los anciáns e tódolos veciños da nosa terra: collede convosco fornecemento para o camiño e ide ó seu encontro e dicídelles sómo-los vosos servos. Daquela, facede agora un trato connosco.
12 Velaquí o noso pan, collido quente das nosas casas para o noso fornecemento, o día que saímos para vir onda vós, e agora ben vedes que está balorecido e esmigallado.
13 E estes coiros de viño, novos cando os enchemos, velaquí que romperon: e estes nosos vestidos e calzados volvéronse vellos de tan longo camiño”.
14 E colleron os homes de Israel do fornecemento, sen consultaren a palabra do Señor,
15 e fixo con eles Xosué a paz, e conviñeron nun trato verbo da vida deles, e os príncipes da asemblea confirmárono con xuramento.
16 Pero ós tres días de face-lo trato con eles, decatáronse de que os tales eran os seus veciños, e que habitaban entre eles.
17 Continuaron camiño os fillos de Israel, e, ó terceiro día, chegaron ás súas cidades. Eran estas Gabaón, Quefirah, Beerot e Quiriat-Iearim.
18 Non obstante, os fillos de Israel non os mataron, pois os príncipes da asemblea xuráranlles polo Señor, Deus de Israel. Entón, toda a asemblea murmurou contra os príncipes.
19 E os príncipes dixéronlle á asemblea: —“Nós xurámoslles polo Señor, Deus de Israel, e agora non podemos tocalos.
20 Pero faremos deste xeito: deixarémolos vivir, e así non virá sobre nós a cólera por mor do xuramento que lles fixemos.
21 Que vivan, e que sexan os taladores de madeira e acarrexadores de auga para toda a asemblea”. Así falaron os príncipes.
22 Chamou entón Xosué ós gabaonitas, e díxolles: —“¿Por que nos traicionastes dese xeito, dicindo somos de moi lonxe de vós, cando estades vivindo entre nós?
23 Agora, malditos seredes, e non deixará de haber entre vós un servo: seréde-los taladores de madeira e acarrexadores de auga para a casa do meu Deus”.
24 Eles respondéronlle: —“Aconteceu que ós teus servos foilles mostrado con claridade o que mandara o Señor, o teu Deus, a Moisés, o seu servo, de darvos todo o país, e de eliminar a tódolos veciños do país que vos apareceran diante. Entón trememos de abondo polas nosas vidas por mor de vós, armámo-lo argallo ese.
25 E agora, velaquí que estamos na túa man: o que mellor e máis xusto che pareza facer connosco, faino”.
26 E fixo con eles así: librounos da man dos fillos de Israel, que non os mataron:
27 e asignoulles Xosué no día aquel a carga de taladores de madeira e acarrexadores de auga para a asemblea, e para o altar do Señor —no lugar que El escollera—, ata o día de hoxe.