Xuíces 10:1-18
10 E despois de Abimélec ergueuse para salvar a Israel Tolá, fillo de Puah, fillo de Dodó, un home de Isacar; e habitou en Xamir, na serra de Efraím.
2 Xulgou a Israel durante vintetrés anos. E morreu e foi sepultado en Xamir.
3 Despois del, ergueuse Iair, galaadita, quen xulgou a Israel durante vintedous anos.
4 E tiña trinta fillos, que cabalgaban sobre trinta xumentos e que eran os donos de trinta cidades, nomeadas ata o día de hoxe Havot-Iair, na terra de Galaad.
5 E morreu Iair e foi sepultado en Camón.
6 E volveron os fillos de Israel face-lo mal diante do Señor e serviron ós baales e ás axtartés e ós deuses de Siria, ós deuses de Sidón, ós deuses de Moab, ós deuses dos fillos de Amón, e ós deuses dos filisteos; e abandonaron ó Señor e xa non o serviron.
7 E encendeuse a ira do Señor contra Israel e entregounos nas mans dos filisteos e nas mans dos fillos de Amón,
8 que atribularon e oprimiron durante dezaoito anos a tódolos fillos de Israel da outra banda do Xordán, na terra dos amorreos, que está en Galaad.
9 E pasaron os fillos de Amón o Xordán, para loitaren tamén contra Xudá, contra Benxamín e contra a casa de Efraím, e anguriaron abondo a Israel.
10 E clamaron os fillos de Israel ó Señor, dicindo: —“Pecamos contra ti, porque abandonámo-lo noso Deus e servímo-los baales”.
11 E dixo o Señor ós fillos de Israel: —“Cando os de Exipto, e os amorreos, os fillos de Amón e os filisteos,
12 os sidonios, os amalecitas e os madianitas vos oprimiron e clamastes por min, ¿logo non vos salvei eu das súas mans?
13 Pero vós abandonástesme e servistes outros deuses. Así que non volverei a salvarvos mais.
14 Ide e clamade polos deuses que escollestes: que vos salven eles no tempo de vosa anguria”.
15 E dixeron os fillos de Israel ó Señor: —“Pecamos. Podes facer connosco o que mellor che pareza. Soamentes che pregamos, por favor, que nos salves neste día”.
16 E retiraron os deuses alleos do medio deles, e serviron ó Señor, que non puido aturar máis os sufrimentos de Israel.
17 E concentráronse os fillos de Amón e acamparon en Guilgal; e xuntáronse tamén os fillos de Israel e acamparon en Mispah.
18 E o pobo e os príncipes de Galaad dixeron cada un ó seu compañeiro: —“¿Quen será o home que comece a loitar contra os fillos de Amón? El será o xefe de tódolos veciños de Galaad”.