Xuíces 13:1-25
13 E volveron os fillos de Israel face-lo mal diante do Señor e púxoos Iavé nas mans dos filisteos durante corenta anos.
2 Había un home de Sorah, da familia dos danitas, chamado Manóah. Súa muller era estéril e non procreara.
3 E aparecéuselle á muller un mensaxeiro do Señor e díxolle: —“Velaquí que ti es estéril e non enxendraches; pero concebirás e parirás un fillo.
4 E agora gárdate de beber viño e bebidas fermentadas e non comas nada impuro,
5 pois velaquí que concebirás e parirás un fillo, e non subirá a navalla pola súa cabeza, pois o neno será nazir de Deus desde o ventre: e el comezará a salvar a Israel das mans dos filisteos”.
6 E foi a muller e díxolle a seu marido: —“Un home de Deus veu onda min e a súa semellanza era a dun anxo de Deus, terrible de abondo; e non lle preguntei de onde era nin el me manifestou o seu nome.
7 E díxome: Velaquí que concebirás e parirás un fillo. E agora non bebas viño nin bebidas fermentadas, e non comas nada impuro, pois o neno será nazir de Deus desde o ventre ata o día da súa morte”.
8 E suplicou Manóah a Iavé deste xeito: —“Rógoche, meu Señor, que volva onda nós o home de Deus que enviaches e nos mostre o que temos que facer co neno cando naza”.
9 E escoitou Deus a voz de Manóah e volveu o anxo de Deus onda a muller, cando ela estaba sentada no campo (e Manóah —seu home—, non estaba con ela).
10 Incorporouse axiña a muller e botou a correr, e contoulle a seu marido: —“Velaquí que se me apareceu o home que viñera onda min o outro día”.
11 Entón Manóah ergueuse e foi detrás de súa muller e chegou a carón do home e díxolle: —“¿Logo ti e-lo home que lle falou a esta muller?” E respondeulle el: —“Si, son eu”.
12 E dixo Manóah: —“Cando se cumpra a túa mensaxe, ¿que procedemento haberá que seguir co neno de xeito que llo apliquemos?”
13 E dixo o anxo de Iavé a Manóah: —“De todo o que dixen á muller, gardarase:
14 de todo o que saia da vide do viño, non comerá; e non beberá viño nin bebidas fermentadas nin comerá nada impuro. Todo o que che mandei, que o garde”.
15 E dixo Manóah ó anxo do Señor: —“¡Anda!, deixa que te reteñamos e que che sirvamos un cabrito”.
16 E dixo o anxo de Iavé a Manóah: —“Anque me retiveses, non comería do teu manxar; mais se queres ofrecer un holocausto a Iavé, podes facelo (pois Manóah aínda non se decatara de que era un anxo de Iavé)”.
17 E dixo Manóah ó anxo do Señor: —“¿Como te chamas?, de xeito que te honremos cando se cumpran as túas palabras”.
18 E díxolle o anxo de Iavé: —“¿A que vén iso de preguntarme polo meu nome, sendo el oculto?”
19 E colleu Manóah o cabrito e maila oblación, e ofreceullos enriba da pedra a Iavé, facedor de marabillas, que contemplaron Manóah e maila súa muller.
20 E aconteceu que, ó subi-la lumarada sobre o altar cara ó ceo, apareceu o anxo de Iavé na lumarada do altar; e Manóah e súa muller, ó velo, caeron de xeonllos.
21 (E xa non volveu aparece-lo anxo de Iavé a Manóah e a súa muller). Entón decatouse Manóah de que era o anxo de Iavé,
22 e díxolle Manóah a súa muller: —“De certo imos morrer, pois vimos a Deus”.
23 E respondeulle súa muller: —“Se quixese o Señor facernos morrer, non acollería o holocausto e a ofrenda das nosas mans, nin nos faría ver todo isto, nin nos faría escoitar tales cousas neste intre”.
24 E pariu a muller un neno e puxéronlle de nome Sansón; e o rapaz fíxose grande, e bendiciuno Iavé.
25 E o espírito do Señor comezou a movelo ás veces, no campamento de Dan, entre Sorah e Extaol.