Xuíces 16:1-31

16  E foi Sansón a Gaza e viu alí unha muller prostituta, e achegouse a ela.  E déuselle-la noticia ós gazatitas, dicindo: —“Anda por aquí Sansón”. E fixéronlle un cerco e axexárono toda a noite á porta da vila, agardando toda a noite, cavilando: —“ó chega-la luz da mañá, matarémolo”.  E Sansón durmiu ata a media noite, ergueuse a media noite, agarrou as follas da porta da cidade, cos dous esteos, e arrincounas coa tranca, e púxoas enriba dos ombros, e subiunas ó cume do monte que está por riba de Hebrón.  E despois disto namorouse dunha muller, no val de Sorec, que se chamaba Dalilah.  E subiron onda ela os príncipes dos filisteos e dixéronlle: —“Sedúceo e pescuda de onde lle ven a súa forza e de que xeito lle poderemos, para amarralo e sometelo. Daquela darémosche cada un de nós mil cen siclos de prata”.  E dixo Dalilah a Sansón: —“Móstrame de onde che vén a túa gran forza, e con que terías que ser amarrado para domearte”.  E respondeu Sansón: —Se me amarrasen con sete nervios tenros —que non secasen aínda—, amolecería e sería coma un dos outros homes”.  E leváronlle a ela os príncipes dos filisteos sete nervios tenros —que non secaran aínda—, e ela amarrouno con eles.  Había xente á espreita no seu cuarto e berroulle ela a el: —“¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!” Entón el desfixo os nervios como se desfai un fío de estopa cando se lle achega o lume e non se descubriu o segredo da súa forza. 10  E díxolle Dalilah a Sansón: —“Velaquí que te mofaches de min e me contaches mentiras. Agora, anda móstrame con que habería que amarrarte”. 11  Respondeulle el: —“Se amarrar me amarrades con cordas novas, coas que non se fixo ningún traballo, amolecerei e serei coma un dos outros homes”. 12  E colleu Dalilah cordas novas, e amarrouno con elas, e gritoulle: —“¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón” (e había xente á espreita no cuarto dela). E el crebounas sobre os brazos, coma se fosen de fío. 13  E dixo Dalilah a Sansón: —“Ata agora me enganaches e contaches mentiras. Anda, móstrame con que terán que amarrarte”. E respondeulle: —“Se téce-los sete guedellos da miña cabeza con lizo e os fixas cos paus, amolecerei e serei coma un dos outros homes”. 14  E ela adormeceuno, teceu os sete guedellos da súa cabeza co lizo e fixounos cos paus, e berrou: —“¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!” Pero el espertando do sono, arrincou os fungueiros do tear e maila urdime. 15  E díxolle ela: —“¿Como dis quérote, cando o teu corazón non está comigo? Van tres veces que me enganas, e non me mostras de onde che vén a túa gran forza”. 16  E, como ela se poñía pesada coas súas queixas de tódolos días e o atormentaba, ata chegar a ter anguria de morte o seu espírito, 17  entón el mostroulle todo o seu corazón, dicíndolle: —“Nunca subiu a navalla pola miña cabeza, pois son nazir de Deus desde o ventre da miña nai. Se fose rapado, arredaría de min a miña forza, e languecería, e sería coma un dos outros homes”. 18  E viu Dalilah que lle abrira todo o seu corazón, e mandou chamar ós príncipes dos filisteos, dicindo: —“Subide, pois desta vez abriume todo o seu corazón”. E subiron onda ela os príncipes dos filisteos, e levaron con eles a prata. 19  E adormeceuno á calor dela, e avisou a un dos homes, que lle cortou os sete guedellos da súa cabeza. Entón comezou a enfraquecer, ata perde-la forza que tiña. 20  Ela berroulle: —“¡Os filisteos vanche ó lombo, Sansón!” Entón el espertou do sono e dixo: —“Sairei como as outras veces, e ceibareime” (sen saber que o Señor se arredara del). 21  E apreixárono os filisteos e sacáronlle os ollos, fixérono baixar a Gaza e amarrárono con cadeas e puxérono a moer no cárcere. 22  (Agora ben, o cabelo da súa cabeza comezou a medrar desde que fora rapado). 23  E os príncipes dos filisteos xuntáronse para ofreceren un gran sacrificio a Dagón, o seu deus, e para faceren festa. E dicían: —“O noso deus púxonos nas mans a Sansón, o noso inimigo”. 24  E, ó velo o pobo, louvaron ó seu deus, pois dicían: —“O noso deus púxonos nas mans ó noso inimigo, o que devastaba o noso país e que acrecía os nosos mortos”. 25  E, cando o corazón deles estaba contento, dixeron: —“Chamade a Sansón e que nos divirta”. E chamaron a Sansón da cadea, e estivo diante deles facéndoos rir. Despois situárono entre as columnas. 26  E dixo Sansón ó rapaz que o levaba da man: —“Sóltame e déixame encostar nas columnas que sosteñen o edificio, para que descanse sobre elas”. 27  (O edificio estaba cheo de homes e mulleres, e estaban alí tódolos príncipes dos filisteos; na terraza había uns tres mil homes e mulleres presenciando os xogos de Sansón). 28  E clamou Sansón polo Señor deste xeito: —“Meu Señor Iavé, lémbrate de min, prégocho, e enfortéceme soamente por esta vez, ouh Deus, de xeito que me vingue dos filisteos polos meus dous ollos”. 29  E apalpou Sansón as dúas columnas do medio, nas que se apoiaba o edificio, e fixo forza sobre elas, nunha coa man dereita, e na outra coa esquerda. 30  E dixo Sansón: —“¡Morra eu cos filisteos!” E turrou con forza e caeu o edificio enriba dos príncipes e de todo o pobo que había nel. E así foron máis os que matou ó morrer dos que matara en vida. 31  E baixaron seus irmáns e toda a casa de seu pai, recollérono e subiron; sepultárono entre Sorah e Extaol, na sepultura de Manóah, seu pai. Sansón fora xuíz en Israel durante vinte anos.

Notas ó pé