Xuíces 3:1-31

3  E foron estas as nacións xentís que deixou o Señor para probar por medio delas a Israel —a cantos non coñeceran tódalas guerras de Canaán  (soamente para aprendizaxe das xeracións dos fillos de Israel, para ensinarlles a face-la guerra, polo menos ós que non a coñecían antes):  cinco príncipes dos filisteos, e tódolos cananeos, os sidonios e mailos hititas (que habitaban na montaña do Líbano, desde o monte Baal-Hermón ata Lebo-Hamat).  E foron para probar por eles a Israel, por ver se escoitaban os mandatos que o Señor mandara a seus pais por medio de Moisés.  E os fillos de Israel habitaron entre os cananeos, os hititas, os amorreos, os perizitas, os hivitas e mailos iebuseos.  E colleron por esposas ás fillas deles, e déronlle-las súas fillas ós fillos deles, e serviron ós seus deuses.  E os fillos de Israel fixeron o mal diante do Señor, e esqueceron a Iavé, o seu Deus, e serviron ós baales e ás axtartés.  E alporizouse a ira de Iavé contra Israel, e entregounos nas mans de Cuxán-Rixtaim, rei de Aram-Naharaim, e serviron os fillos de Israel a Cuxán-Rixataim durante oito anos.  E berraron os fillos de Israel ó Señor, e o Señor fixo xurdir un libertador para os fillos de Israel, que os salvase: Otoniel, o fillo de Quenaz (o irmán máis novo de Caleb). 10  E entrou nel o Espírito do Señor, e xulgou a Israel, e saíu á loita, e puxo o Señor nas súas máns a Cuxán-Rixataim, rei de Aram, de xeito que prevaleceu el sobre Cuxán-Rixataim, 11  e o país quedou tranquilo durante corenta anos. E morreu Otoniel, fillo de Quenaz. 12  E volveron os fillos de Israel face-lo mal diante do Señor, e enforteceu Iavé a Eglón, rei de Moab, contra Israel, porque fixeron o mal diante do Señor. 13  E axuntáronselle os fillos de Amón e de Amalec, e foi el e venceu a Israel, e apoderouse da Vila das Palmeiras, 14  e os fillos de Israel serviron a Eglón, rei de Moab, durante dezaoito anos. 15  E clamaron os fillos de Israel ó Señor, e o Señor suscitoulles un salvador: Ehud, fillo de Guerá, benxaminita, home zurdo, e os fillos de Israel mandaron por el un agasallo a Eglón, rei de Moab. 16  E fíxose Ehud cunha faca de dobre gume, dun palmo de longa, e cinguiuna por debaixo do seu vestido, sobre o lado dereito. 17  E levoulle o agasallo a Eglón, rei de Moab (e Eglón era un home moi groso). 18  E, cando xa rematara de entregarlle o obsequio, deixou ir á xente que llo levara, 19  e el volveuse desde as estelas de pedra que están a carón de Guilgal, e exclamou: —“Teño un segredo para ti, ouh rei”. E el dixo: —“¡Cala!” E saíron de alí tódolos que estaban con el. 20  E Ehud achegouse a el, que repousaba na súa sala privada de acougo, a de arriba, e dixo Ehud: —“Chegoume unha palabra de Deus para ti”. Daquela o rei ergueuse do asento. 21  E alongou Ehud a súa zurda, e colleu a faca de sobre o lado dereito, e chantoulla no ventre; 22  e entrou tamén a empuñadura detrás da folla, e a graxa entupiu o sitio detrás da folla, e xa non sacou do ventre a faca, que lle saíu por detrás. 23  E saíu Ehud ó corredor, e xuntou as portas da sala de arriba, e pechou. 24  Cando xa el estaba fóra, chegaron os servos do rei, e viron que as portas da sala de arriba estaban pechadas e dixeron: —“Quizais estea facendo as súas necesidades no cuarto de baño da sala de acougo”. 25  E fartáronse de esperar sen que el abrise as portas da sala de arriba. Ó cabo colleron a chave e abriron; velaquí que o seu señor estaba chimpado por terra, morto. 26  E liscou Ehud, namentres eles agardaban, e pasou as estelas de pedra, e fuxiu ata Seirah. 27  E cando chegou, tocou a trompeta na serra de Efraím, e baixaron canda el da montaña os fillos de Israel, e el ía diante deles. 28  E díxolles: —“Seguídeme, pois o Señor puxo os vosos inimigos —os moabitas— nas vosas mans”. E baixaron detrás del e tomaron os baixíos do Xordán que están no camiño de Moab, e non deixaron pasar a ninguén. 29  E abateron a Moab naquel entón —a dez mil homes forzudos e valentes—, e non liscou ningún. 30  No día aquel Moab quedou sometido a Israel, pola man de Israel, e o país viviu tranquilo durante oitenta anos. 31  E despois del foi Xamgar, o fillo de Anat, e abateu os filisteos —seiscentos homes—, cunha queixada dun boi, salvando tamén el a Israel.

Notas ó pé