A Apocalipse 20:1-15
20 Logo vin que outro anxo baixaba do ceo, coa chave do abismo e unha cadea grande na man.
2 Con ela amarrou forte ó dragón, serpe antiga, que é Satán e Satanás, e encadeouno para mil anos.
3 Botouno no abismo e pechou e púxolle selo á pechadura diante do dragón para que xa non extravíe máis as nacións ata que se cumpran os mil anos; despois hano soltar unha miguiña de tempo.
4 Logo vin uns tronos. Ós que sentaban neles déuselle-lo poder de xulgar. Vin tamén as ánimas dos degolados por mor do testemuño de Xesús e da palabra de Deus e mailas dos que non se postraron para adora-la besta nin a súa imaxe nin recibiron a marca da besta na súa fronte nin nas súas mans. Estes volveron vivir e comezaron a reinar con Cristo mil anos.
5 O resto dos mortos non volveron á vida ata completaren os mil anos: ésta é a primeira resurrección.
6 ¡Benaventurado e santo o que participa nesta primeira resurrección! Sobre eles non ten poder a morte segunda: serán sacerdotes de Deus e de Cristo e reinarán con El mil anos.
7 Cando se completen os mil anos, Satanás vaise ver ceibe da súa cadea
8 e sairá para engaiola-los xentís das catro esquinas do mundo, a Gog e a Magog, para os xuntar para a guerra. O número destes é coma o das areas do mar.
9 Subiron por todo o ancho do mundo e rodearon o campamento dos santos e maila cidade amada. Pero baixou do ceo lume e consumiunos.
10 E, despois de os engaiolar, ó demo botárono na lagoa de lume e xofre, onde xa estaban a besta e mailo falso profeta. Alí hanos castigar día e noite polos séculos dos séculos.
11 Logo vin un gran trono branco e vin quen estaba nel sentado: da súa presencia fuxiron o ceo e a terra e deles non quedou nin rastro.
12 Logo vin os mortos, grandes e pequenos, de pé diante do trono; e abríronse uns libros. Abriuse tamén outro libro, o libro da vida é ós mortos xulgáronos polo escrito nos libros, conforme as súas obras.
13 O mar entregou os mortos que nel había; e a Morte e o Hades entregaron os mortos que neles había; e a cadaquén xulgárono polas súas obras.
14 Á Morte e ó Hades botáronos na lagoa de lume. Esta é a Morte segunda: a lagoa do lume.
15 A quen non apareceu inscrito no libro da Vida botárono na lagoa do lume.