A Apocalipse 9:1-21

9  Logo tocou o quinto anxo e vin que unha estrela caía do ceo na terra. Déuselle a ela a chave do pozo do abismo;  ela abriuno e subiu do pozo coma unha fumeirada dun gran forno: escureceuse o sol e mailo aire por cousa da fumeirada do pozo.  Logo saíron da fumeirada saltóns pola terra. Déuselles poder, coma o que teñen os alacráns da terra;  e díxoselles que non danasen nin a herba dos campos nin verde ningún nin árbore ningunha senón unicamente os homes que non tivesen o selo de Deus na testa.  Encargóuselles que non os matasen senón que os atormentasen por cinco meses: o tormento deles era coma o tormento do alacrán, cando pica no home.  Naqueles días os homes procurarán a morte e non a atoparán, desexarán morrer, pero a morte fuxirá deles.  Os saltóns semellaban cabalos aparellados para a guerra: tiñan nas cabezas coma unhas coroas que parecían de ouro e as caras coma as caras dos homes;  tiñan os cabelos coma cabelos de mulleres e os dentes eran coma os dos leóns;  tiñan unhas coirazas como coirazas de ferro e o zoar das súas ás era coma estrondo de carros e de moitos cabalos correndo para a guerra; 10  tiñan rabos e aguillóns semellantes ós dos alacráns e nos seus rabos tiñan o poder de dana-los homes por cinco meses. 11  Teñen un rei que os dirixe: o anxo do abismo, que en hebreo se chama Abaddón e en grego Apolión, o Estragador. 12  O primeiro ¡Ai! pasou, pero despois deste aínda virán dous ¡Ais! máis. 13  Logo tocou o sexto anxo e oín unha voz, que viña dos cornos do altar de ouro, que está diante de Deus. 14  Dicíalle ó sexto anxo, que tiña a trompeta: “solta os catro anxos, que están presos onda o gran río, o Éufrates”. 15  E quedaron soltos os catro anxos, que estaban aparellados para mataren a terceira parte dos homes naquela hora, día, mes e ano. 16  O número da tropa de cabalería era de douscentos millóns; eu mesmo oín o número. 17  E nesta visión os cabalos e os seus cabaleiros aparecían deste xeito: tiñan coirazas da cor do rescaldo, violáceo e marelo de xofre; as cabezas dos cabalos eran coma as cabezas dos leóns e da boca saíalles lume, fumeirada e xofre. 18  Unha terceira parte dos homes quedaron mortos con estas tres pragas: co lume, coa fumeirada e co xofre que saía da boca dos cabalos. 19  Porque estes cabalos tiñan o poder na boca e no rabo, pois os rabos, semellantes a cobras, remataban en cabezas e con elas facían mal. 20  Quedou un refugallo de homes, que nin con estas pragas morreron nin se arrepentiron do culto dos deuses falsos. Non deixaron de adora-los demos e as imaxes de ouro, de prata, de bronce, de pedra e de madeira, que nin poden ollar nin oír nin camiñar. 21  Non se arrepentiron dos seus homicidios nin das bruxerías nin da prostitución nin dos roubos.

Notas ó pé