Carta ós Colosenses 4:1-18

4  Amos, dádelles ós vosos escravos o que é xusto e obrigado, decatándovos de que tamén vós tedes un amo no ceo.  Sede constantes na oración: vixiade nela con acción de gracias.  Rogade ó mesmo tempo por nós, para que Deus abra unha porta á nosa predicación, a fin de anuncia-lo misterio de Cristo, polo que eu estou na cadea:  que o expoña coma o debo expoñer.  Cos de fóra andade con moito tino, aproveitando as ocasións.  Que a vosa conversa sexa sempre agradable, cun chisquiño de sal, de xeito que saibades darlle a cadaquén a resposta axeitada.  Das cousas que se refiren a min xa vos dará novas Tíquico, meu irmán benquerido, fiel auxiliar e compañeiro de servicio no Señor;  mándovolo mesmamente para iso, para que teñades novas de nós e para que poña acougo nos vosos corazóns.  Vai canda o querido e fiel irmán Onésimo, que é un dos vosos. Xa vos poñerán ó tanto de todo o que pasa por aquí. 10  Saúdos de Aristarco, o meu compañeiro na cadea, e de Marcos, curmán de Bernabé (acerca deste xa recibistes algunhas instruccións: se chega onda vós, acollédeo). 11  Saúdos tamén de Xesús, a quen lle chaman o Xusto. De entre os xudeus só estes son os meus axudantes no traballo polo Reino de Deus, e abofé que me foron un bo alivio. 12  Saúdos do servidor de Xesús Cristo, Epafras, que é dos vosos e que decote está loitando por vós coas súas oracións por mor de que perseveredes na perfección e no cumprimento de todo canto Deus quere. 13  Douvos fe do moito que traballa por vós e polos que están en Laodicea e Hierápolis. 14  Saúdos tamén de Lucas, o querido médico, e de Dimas. 15  Dádelles saúdos ós irmáns de Laodicea, e a Ninfas e á Igrexa que ten as xuntanzas na súa casa. 16  E cando leades esta carta, facede de xeito que tamén se lea na Igrexa dos de Laodicea; e a de Laodicea lédea vós tamén. 17  Dicídelle a Arquipo: “Ten moito coidado co servicio que se che encomendou coma cristián e cúmpreo ben”. 18  Esta lembranza vai da miña man: Paulo. Lembrádevos das miñas cadeas. A gracia vaia convosco.

Notas ó pé