Daniel 1:1-21
1 No ano terceiro de Ioaquim, rei de Xudá, chegou a Xerusalén Nabucodonosor, rei de Babilonia, e asediouna.
2 O Señor puxo nas súas mans a Ioaquim, rei de Xudá, e mais boa parte dos vasos da casa de Deus, que fixo levar para o país de Xinar. Os vasos depositounos na casa do tesouro dos seus deuses.
3 O rei ordenou a Axpenaz, xefe dos oficiais, que trouxese de entre os israelitas de estirpe real ou de familia nobre,
4 algúns rapaces que non tivesen ningunha tara, fosen de bo parecer e instruídos en toda clase de sabedoría, cultos e intelixentes e xeitosos para serviren no pazo real. Tamén ordenou que lles ensinasen a lingua e maila literatura caldeas.
5 O rei fixoulles unha ración diaria da comida e mais do viño da mesa real. A súa crianza debía durar tres anos; despois pasarían a servi-lo rei.
6 Entre eles atopábanse uns xudeus: Daniel, Hananías, Mixael e Azarías.
7 O xefe dos oficiais trocóulle-los nomes: a Daniel púxolle Baltasar; a Hananías, Xadrac; e Mixael, Mixac; e a Azarías, Abednegó.
8 Daniel propúxose non se contaminar compartindo a comida do rei e mailo viño da súa mesa, e suplicoulle ó xefe dos oficiais que non o obrigase a se contaminar.
9 Deus fixo que o xefe dos oficiais tivese dó e consideración de Daniel,
10 e díxolle:
—Eu teño medo do meu señor, o rei, polo feito de que el determinou o que habiades de comer e beber, e, se vos vise cun aspecto máis raquítico có dos rapaces da vosa idade, poñeriades en perigo a miña cabeza diante do rei.
11 Díxolle entón Daniel ó garda posto polo xefe dos oficiais ó coidado de Daniel, de Hananías, de Mixael e mais de Azarías:
12 —Por favor, ponnos a proba durante dez días: que nos sirvan legumes para comer e auga para beber.
13 Despois podes comproba-lo noso aspecto en relación co dos mozos que se alimentan cos manxares do rei, e fas connosco conforme vexas.
14 El aceptou a proposta, e someteunos á proba durante dez días.
15 Ó cabo dos dez días tiñan mellor aspecto e estaban máis gordos ca tódolos mozos que comían dos manxares do rei.
16 Desde entón o garda retiráballe-la ración da comida e mais do viño que debían tomar, e dáballes legumes.
17 Deus concedeulles a estes catro mozos ciencia e intelixencia en toda clase de letras e sabedoría. Daniel tamén sabía interpretar visións e soños.
18 Cando se cumpriu o tempo sinalado polo rei para seren presentados os mozos, o xefe dos oficiais levounos ante Nabucodonosor.
19 O rei conversou con eles, e non encontrou entre todos ningún coma Daniel, Hananías, Mixael e Azarías. Quedaron, pois, ó servicio do monarca.
20 En tódalas cuestións de sabedoría e intelixencia que o rei lles propuxo, atopounos dez veces superiores a tódolos meigos e adiviños que existían en todo o seu reino.
21 Daniel permaneceu alí ata o ano primeiro do reinado de Ciro.