Daniel 11:1-45
11 Eu, pola miña parte, estiven onda el no ano primeiro de Darío, o medo, para apoialo e defendelo.
2 Agora vouche comunica-la verdade:
—Mira, en Persia vai haber aínda tres reis. O cuarto amoreará máis riqueza ca tódolos outros; pero cando se considere poderoso pola riqueza, encirrará a todos contra o reino de Grecia.
3 Xurdirá un rei valente, que reinará con moito poder e actuará conforme a súa vontade.
4 Pero tan pronto se consolide, o seu reino será fraccionado e dividido entre os catro ventos do ceo; non o herdará a súa posteridade nin terá tanto poder, porque o seu reino será desmembrado e pasará a outros distintos destes.
5 O rei de Mediodía farase poderoso, pero un dos seus xefes chegará a ser máis forte ca el, e prevalecerá; terá un imperio moi grande.
6 Ó cabo dalgúns anos concertarán unha alianza, e a filla do rei do Mediodía virá onda o rei do Norte, para establece-los acordos; con todo, ela perderá a forza do seu brazo; tampouco subsistirá a súa descendencia, pois ela mesma, o seu séquito, o seu fillo e mailo protector serán entregados por certo tempo.
7 Pero xurdirá no seu lugar un renovo saído das súas raíces; el avanzará cun exército e penetrará na fortaleza do rei do Norte, loitará contra eles e triunfará.
8 Levará consigo para Exipto tamén os seus deuses coas súas imaxes de metal fundido e tamén os obxectos preciosos de prata e ouro. Por uns poucos anos deixará en paz ó rei do Norte.
9 Este fará unha incursión no territorio do rei de Mediodía, pero logo retornará para o seu país.
10 Os seus fillos volverán ás hostilidades, reunirán exércitos moi grandes, cos que avanzarán coma unha inundación; darán volta para atrás, pero repetirán os ataques contra a súa fortaleza.
11 O rei do Mediodía, exasperado, sairá a loitar contra el, contra o rei do Norte, quen mobilizará un exército numeroso; pero tal exército caerá nas mans daquel.
12 Tras aniquilar este exército, o corazón do rei encherase de soberbia, e fará perecer a milleiros de homes; pero non triunfará.
13 En efecto, o rei do Norte voltará a mobilizar un exército aínda maior có anterior; pasados uns anos volverá cun exército ben fornecido.
14 Por aquel tempo alzaranse moitos contra o rei do Mediodía. Rebelaranse tamén homes violentos do teu pobo, tencionando dar cumprimento á visión; pero fracasarán.
15 Virá o rei do Norte, construirá unha trincheira e conquistará unha das cidades fortificadas. As tropas de Mediodía non darán resistido, nin sequera os máis valentes terán valor abondo para resistiren.
16 Aquel que vai avanzar contra el procederá ó seu antollo, non haberá quen lle faga fronte. Hase establecer no País do Esplendor, levando a destrucción na súa man.
17 Posto no plan de se apoderar de todo o seu reino, concertará alianzas con el e daralle unha filla por esposa para arruinalo; con todo, o proxecto non lle dará resultado.
18 Entón dirixirase ás illas, e conquistará moitas delas; pero un xefe porá fin ás súas aldraxes, aínda que non lle poida da-la paga delas.
19 Despois porá a súa mira nas fortalezas da súa propia terra, pero sufrirá un tropezo e caerá sen deixar rastro de si.
20 Alzarase outro sobre o seu posto, un que mandará un saqueador a requisa-lo tesouro do reino; pero ós poucos días acabará esnaquizado, en circunstancias non de rancor nin de guerra.
21 Ocupará o seu lugar un home desprezable, a quen non se lle concederá a dignidade real; el empezará con acenos de paz, pero apoderarase do reino a base de intrigas.
22 As forzas armadas serán derrotadas e esbandalladas por el, así coma o xefe da alianza.
23 Obrará con engano despois do pacto feito por el, e, a pesares de dispor de pouca xente, medrará e farase forte.
24 Con moito disimulo irase adentrando nas bisbarras máis fértiles da provincia, e fará o que nunca ousaron facer seus pais nin seus avós: distribuirá ós seus o botín, os despoxos e mailas riquezas, planeará estrataxemas contra as fortalezas; pero tan só por certo tempo.
25 Empregará a súa forza e maila súa fogaxe contra o rei do Mediodía cun gran exército; o rei de Mediodía disporase para a guerra cun exército tamén moi grande e poderoso; pero non lle poderá facer fronte, pois será victima de conspiracións.
26 Os mesmos que comen á súa mesa serán a súa desgracia; o exército quedará afundido e moitos caerán feridos de morte.
27 Os dous reis, co corazón ateigado de maldade, sentarán á mesma mesa para se intercambiaren mentiras, pero non lles vai valer de nada, pois a fin chegará no tempo fixado.
28 O rei do Norte tornará á súa terra con moitas riquezas; pero, tendo proxectos hostís contra a alianza santa, realizaraos e despois volverá ó seu país.
29 No tempo determinado invadirá novamente o Mediodía, pero esta vez non lle dará resultado coma a vez anterior.
30 Virán contra el os barcos de Chipre, e el desistirá. Entón descargará de novo a súa furia contra a alianza santa; tras actuar, regresará e terá consideración dos desertores da alianza santa.
31 Tropas mandadas por el farán acto de presencia para profanaren o santuario e maila fortaleza, abolirán o sacrificio cotián e porán alí a abominación da desolación.
32 Ós violadores da santa alianza corromperaos a base de gabanzas; con todo, o pobo, coñecedor do seu Deus, manterase firme e obrará con consecuencia.
33 Os sabios de entre o pobo adoutrinarán a moitos, aínda que por algún tempo teñan que sufri-la espada, o lume, o desterro e maila confiscación dos bens.
34 Cando caian, recibirán unha pequena axuda, e moitos uniranse a eles con finximento.
35 Algúns dos sabios sucumbirán, para someteren a proba, acrisolar e branquear ós outros para o tempo final, pois o prazo está fixado.
36 O rei actuará á súa maneira, ensoberbecerase e aprezarase por enriba de tódolos deuses, e dirá insolencias contra o Deus dos deuses. Prosperará en tanto non chega o momento do furor, pois hase cumprir o que foi decretado.
37 El non venerará os deuses dos seus devanceiros, nin o predilecto das mulleres; non respectará a ningún deus, pois coidará ser superior a todos eles.
38 En troques, honrará ó deus das fortalezas; ofrecerá ouro e prata, pedras preciosas e xoias a un deus a quen seus pais non coñeceron.
39 Adicará as cidades fortificadas a un deus estranxeiro; a cantos o recoñezan ateigaraos de gloria, outorgaralles autoridade sobre moitos e distribuirálle-la terra como recompensa.
40 Nos tempos derradeiros loitará contra el o rei do Mediodía, pero o rei do Norte lanzarase contra el con carros de guerra, xinetes e moitas barcas; invadirá as súas terras e atravesaraas coma unha inundación.
41 Penetrará no País do Esplendor. Moitos caerán, pero hanse librar das súas mans os seguintes: os de Edom, os de Moab e os máis selectos dos habitantes de Ammón.
42 Tamén estenderá a súa man sobre outros territorios, nin sequera se librará Exipto.
43 Apoderarase dos tesouros de ouro e prata e de tódolos obxectos preciosos de Exipto. Ós libios e ós etíopes halles pasa-lo mesmo.
44 Pero quedará turbado polas noticias chegadas de oriente e mais do norte, e marchará cheo de furia, disposto a acabar con moitos.
45 Plantará as tendas reais entre o mar e o monte santo do Esplendor. Entón chegará o seu final e ninguén lle prestará axuda.