Carta ós Efesios 1:1-23
1 Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus, ós cristiáns e crentes en Xesús Cristo:
2 deséxovo-la gracia e paz de Deus noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
3 ¡Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito!
4 Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha perante El polo amor.
5 El decidiu xa daquela profillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade,
6 para louvanza da súa gloriosa benquerencia, coa que nos agraciou no Fillo amado,
7 quen co seu sangue nos acadou a redención e o perdón dos pecados, en proba da xenerosidade da súa gracia.
8 E fíxoa rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia,
9 ó nos descubri-lo misterio da súa vontade, conforme o designio que El tiña
10 para leva-la historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.
11 Por El tamén nós tivémo-la sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade,
12 para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñámo-la esperanza en Cristo.
13 Vós tamén, despois de escoitárde-la mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido,
14 que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para louvanza da súa gloria.
15 Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a tódolos crentes,
16 non paro de lle dar gracias a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións,
17 de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñece-lo ben;
18 que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendáde-las esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes,
19 e o extraordinario portento que é o seu poder verbo de nós, os que cremos, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza,
20 que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos,
21 por riba de toda soberanía, autoridade, forza e dominio, e por riba de todo título recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.
22 Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa,
23 que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas.