Carta ós Efesios 2:1-22

2  E tamén vós estabades mortos polos vosos delitos e pecados  e neles camiñabades daquela seguindo os criterios deste mundo e seguindo ó príncipe do poder do aire, do espírito que agora actúa nos fillos desobedientes...  Entre eles viviamos daquela tamén todos nós, satisfacendo os nosos baixos instintos, cumprindo os baixos desexos e os caprichos dos instintos, sendo naturalmente fillos da ira, coma os mais.  Pero Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou  cando estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por pura benquerencia) e  resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús,  para mostrarlles ós séculos vindeiros a rebordante riqueza da súa gracia, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús.  Porque vos salvaron por gracia, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus;  e non vén das obras, para que ninguén se dea méritos. 10  Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facérmo-lo ben no que Deus dispuxo de antemán que camiñemos. 11  Por iso debedes lembrar que vós, os que hai algún tempo erades xentís no corpo —tratados de incircuncisos polos da chamada circuncisión (pura obra humana no corpo)—, 12  estabades daquela sen Cristo, excluídos da cidadanía de Israel e alleos ás alianzas da promesa: viviades sen esperanza e sen Deus, no mundo. 13  Pero vós, que antes estabades lonxe, agora gracias a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. 14  El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria —a inimizade—, e abolindo na súa carne 15  aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; 16  e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade. 17  El veu e anunciou a paz: paz para vós —os de lonxe—, e paz para os que estaban cerca: 18  porque por el temos uns e outros acceso ó Pai, nun mesmo Espírito. 19  Por tanto, xa non sodes estranxeiros nin xente de fóra: sodes concidadáns dos crentes e membros da casa de Deus, 20  edificados sobre o alicerce dos apóstolos e dos profetas, sendo a pedra esquinal Cristo Xesús. 21  Sobre el toda a construcción se vai erguendo ata formar un templo santo no Señor. 22  E nesa construcción tamén entrades vós, para formardes unha morada de Deus, no Espírito.

Notas ó pé