Libro de Esdras 1:1-11

1  O primeiro ano de Ciro, rei de Persia —para que se cumprise a palabra do Señor saída da boca de Xeremías—, o Señor espertou o espírito de Ciro, rei de Persia, a fin de que en todo o seu reino se promulgase de palabra ou por escrito o que segue:  —“Ciro, rei de Persia decreta: Tódolos reinos da terra me foron entregados polo Señor, Deus dos ceos, e encargoume por si mesmo de levantarlle un templo en Xerusalén de Xudá.  Os que de entre vosoutros pertenzan a ese pobo, que o seu Deus sexa con eles e que os conduza a Xerusalén, en Xudá, para construí-la Casa do Señor, o Deus de Israel —trátase do Deus que está en Xerusalén—.  En tódolos lugares onde reside o resto do pobo, que as xentes deses lugares aporten cada un prata, ouro, bens, animais e ofrendas voluntarias para a Casa de Deus que está en Xerusalén”.  Entón levantáronse os xefes de familia de Xudá e de Benxamín, os sacerdotes e os levitas, nunha palabra todos cantos Deus movera para ir levanta-la Casa do seu Señor que está en Xerusalén.  E tódolos seus veciños déronlles con xenerosidade obxectos de prata e de ouro, bens e animais, preciosos regalos, sen conta-lo que ofreceron voluntariamente.  O rei Ciro fixo retira-los obxectos da Casa do Señor que Nabucodonosor levara de Xerusalén para metelos na casa dos seus deuses.  Ciro, rei de Persia, fíxoos retirar por medio do tesoureiro Mitrídates, que o contou todo diante de Xexbasar, príncipe de Xudá.  Velaquí as contas: trinta copas de ouro, mil copas de prata, vintenove coitelos, 10  trinta copas de prata; copas de prata de segunda orde: catrocentas dez; outros obxectos: mil. 11  Total de obxectos de ouro e de prata: cinco mil catrocentos. Xexbasar levouno todo consigo cando os deportados subiron de Babilonia a Xerusalén.

Notas ó pé