Libro de Esdras 3:1-13

3  Chegado o sétimo mes, cando xa os israelitas se instalaran nas súas poboacións, xuntáronse todos coma un só home en Xerusalén.  Entón Xosué, fillo de Iosadac, púxose en pé cos seus irmáns os sacerdotes; como tamén Zerubabel fillo de Xealtiel, cos seus irmáns, e empezaron a construí-lo altar do Deus de Israel para ofreceren nel holocaustos, como manda a lei de Moisés, home de Deus.  Volveron coloca-lo altar sobre os seus fundamentos —non sen medo ós colonos estranxeiros—, e ofreceron nel ó Señor os holocaustos matutinos e vespertinos.  Despois celebraron a festa das Tendas, como está escrito, presentando o holocausto tódolos días segundo o número diario fixado polo costume.  Despois disto presentaron o holocausto perpetuo, os holocaustos dos novilunios e de tódolos tempos sagrados do Señor, o mesmo que para cantos facían ofrendas voluntarias ó Señor.  Desde o primeiro día do sétimo mes, comezaron a ofrecer holocaustos ó Señor. Mais aínda non se puxeran os fundamentos do templo.  Entón, de acordo co autorizado polo rei de Persia, Ciro, fixeron a contrata dos canteiros e carpinteiros e déronlles prata, comida e bebida, e aceite, e tamén ós sidonios e tirios para que trouxesen madeira de cedro polo mar, desde o Líbano ata Iafa.  Ós dous anos de chegaren ó templo de Xerusalén, no mes segundo, Zerubabel, fillo de Xealtiel, e Xosué, fillo de Iosadac, co resto dos seus irmáns, os sacerdotes, os levitas e todos cantos viñeran da catividade a Xerusalén, comezaron a distribuí-los levitas de vinte anos para arriba, poñéndoos á fronte da obra do templo.  Xosué, cos seus fillos e irmáns; Cadmiel e mailos seus fillos; os fillos de Xudá, todos xuntos fóronse colocando de xeito que puidesen dirixir a cada obreiro que traballaba na casa de Deus, sen falar de Henadad, cos seus fillos e mailos seus irmáns os levitas. 10  Entón os albaneis puxeron os fundamentos do templo do Señor, mentres que os sacerdotes se colocaban cos seus ornamentos e as trompetas, e tamén os levitas fillos de Asaf cos címbalos, para louva-lo Señor segundo ordenou David, rei de Israel. 11  Na gabanza e acción de gracias ó Señor, respondían: —“Porque é bon, e a súa fidelidade con Israel é eterna”. Todo o pobo con grandes ovacións louvaba polo mesmo ó Señor, porque se restauraba de novo o templo do Señor. 12  Entón moitos sacerdotes, levitas e xefes de familia entre os máis anciáns, os que tiñan visto o templo antano, choraban a gritos, mentres se poñían á súa vista os alicerces deste templo. Pero outros moitos elevaban a voz reloucando de ledicia. 13  De maneira que o pobo non podía distingui-lo ruído polas ovacións xubilosas do ruído polos choros populares, pois o pobo prorrompía en grandes ovacións, e o vocerío oíase desde moi lonxe.

Notas ó pé