Os Feitos dos Apóstolos 11:1-30
11 Os apóstolos e os irmáns da Xudea sentiron dicir que tamén os pagáns recibiran a palabra de Deus.
2 Cando Pedro subiu a Xerusalén, os da circuncisión botábanlle na cara:
3 —¡Ti fuches á casa de incircuncisos e comiches con eles!
4 Entón Pedro explicóullelo punto por punto.
5 —Estaba eu na cidade de Iope, orando, cando tiven en éxtase unha visión: era un obxecto talmente coma un gran lenzo, que baixaba do ceo pendurado polas catro puntas e chegou onda min.
6 Mirando para el e observando con atención, vin os cuadrúpedes da terra, as feras, os reptís e os paxaros do ceo;
7 e sentín unha voz que me dicía: “Érguete, Pedro, mata e come”.
8 Pero eu dixen: “De ningunha maneira, Señor, porque nunca levei á boca nada profano ou impuro”.
9 Por segunda vez sentín a voz do ceo: “O que Deus purificou, non o chames ti profano”.
10 Isto pasou tres veces, e despois retirouse todo para o ceo.
11 E, fixádevos, nisto preséntanse na casa onde estabamos tres homes que mandaran desde Cesarea en busca miña.
12 Díxome entón o Espírito que fose con eles sen reparos. Viñeron tamén comigo estes seis irmáns, e entramos na casa do home,
13 que nos contou como vira ó anxo presentárselle na súa casa e dicir: “manda alguén a Iope a por Simón, chamado Pedro;
14 el hache dicir palabras polas que te salvarás ti e tódolos da túa casa”.
15 E cando comezaba eu a falar, veu o Espírito Santo sobre eles talmente como veu sobre nós ó comezo.
16 Lembrei entón as palabras do Señor, cando dicía: “Xoán bautizou con auga, pero vos bautizarédesvos co Espírito Santo”.
17 E pois, se Deus lles concedeu o mesmo don ca a nós, por creren no Señor Xesús Cristo, ¿quen era eu para me opoñer a Deus?
18 Ó sentiren isto, acougaron e glorificaron a Deus, comentando; “¡De xeito que Deus tamén concedeu ós pagáns o arrepentimento, para acadaren a vida!”.
19 Os que se dispersaran fuxindo da persecución orixinada por cousa de Estevo, chegaron ata a Fenicia, Chipre e Antioquía, sen predicaren a ninguén a palabra, agás ós xudeus.
20 Con todo, houbo algúns de entre eles, homes de Chipre e de Cirene, que chegados a Antioquía comezaron a falar tamén cos gregos, anunciándolle-la Boa Nova do Señor Xesús.
21 A man do Señor estaba con eles e moitos creron e convertéronse ó Señor.
22 Chegaran estas novas ós oídos da Igrexa de Xerusalén, e mandaron a Antioquía a Bernabé.
23 Cando chegou e viu a gracia de Deus, encheuse de alegría e animaba a todos a se conservaren unidos ó Señor co corazón firme,
24 pois era un home bo, cheo de Espírito Santo e de fe. E foi moita a xente que se uniu ó Señor.
25 Daquela, Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo
26 e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron “cristiáns”.
27 Por aqueles días baixaron a Antioquía uns profetas de Xerusalén.
28 Un deles, chamado Ágabo, ergueuse e, movido polo Espírito, anunciou que ía haber unha gran fame por toda a terra (foi a que houbo no tempo de Claudio).
29 Os discípulos ordenaron de mandar un auxilio ós irmáns de Xudea, cadaquén conforme ós seus posibles.
30 E así o fixeron mandándollelo ós responsables pola man de Bernabé e de Saulo.