Os Feitos dos Apóstolos 12:1-25
12 Por ese tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar.
2 Mandou matar coa espada a Santiago, o irmán de Xoán,
3 e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro. Era a semana da Pascua.
4 Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua.
5 Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el.
6 A noite antes de que Herodes o presentase diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da prisión.
7 De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela; e, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle:
—¡Érguete correndo!
E caéronlle as cadeas das mans.
8 Entón díxolle o anxo:
—Pon o cinto e calza as sandalias.
E así o fixo. Despois díxolle:
—Bota o manto por riba e sígueme.
9 Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión.
10 Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriuse ela soa. E ó saíren á rúa, logo o deixou o anxo.
11 Entón Pedro, volvendo en si, dixo: “agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu”.
12 E xa con todo o acordo, dirixiuse á casa de María, a nai do Xoán, chamado Marcos, onde había moita xente reunida rezando.
13 Petou na porta da entrada e unha criada, chamada Rode, foi ver quen era.
14 Recoñeceu a voz de Pedro e deulle tal alegría, que, se había de abri-lo portal, correu a avisar que Pedro estaba na porta.
15 “¡Estás tola!”, dixéronlle. Mais ela aseguraba que era certo. Os outros dicían: “será o seu anxo”.
16 Pedro seguía petando. Entón abriron, e ó velo, ficaron pasmados.
17 Acenoulles coa man para que calasen e contoulles como o Señor o librara da prisión e díxolles:
—Mandádelle recado a Santiago e ós irmáns.
E liscou de alí para outro sitio,
18 Ó abri-lo día armouse un bo rebumbio entre os soldados, preguntándose que sería de Pedro.
19 Cando Herodes mandou por el e non o encontraron, interrogou ós gardas e mandounos executar. Despois baixou de Xudea a Cesarea e quedou alí.
20 Herodes estaba aborrecido cos de Tiro e Sidón. Estes presentáronselle en comisión e, logo de gañaren para a causa deles a un tal Blasto, xefe da casa do rei, solicitaron a paz, pois o seu país dependía economicamente do territorio do rei.
21 No día sinalado, Herodes, revestido co manto real e sentado na tribuna, dirixiulles un discurso.
22 O pobo berraba: “¡é a voz dun deus, non a dun home!”
23 E no intre feriuno o anxo do Señor por non ter dado gloria a Deus. Morreu comesto dos vermes.
24 A palabra de Deus medraba e multiplicábase.
25 Bernabé e Saulo, cumprida a súa misión en Xerusalén, volvéronse levando con eles a Xoán, de sobrenome Marcos.