Os Feitos dos Apóstolos 5:1-42

5  Un home chamado Ananías, de acordo con Safira a súa muller, vendeu unha propiedade,  gardou unha parte do prezo, sendo ela sabedora, e o resto depositouno ós pés dos apóstolos.  Pero Pedro díxolle: —Ananías, ¿por que encheu Satanás o teu corazón, para lle mentires ó Espírito Santo e defraudares no prezo da propiedade?  ¿Non eras libre de a venderes ou non? E vendida, ¿non continuaba no teu poder? ¿Como se che ocorreu faceres isto? Non enganáche-los homes, enganaches a Deus.  Ó sentir estas palabras, Ananías caeu morto. E apoderouse un gran temor de tódolos que sentiron isto.  Levantáronse os máis novos, amortallárono e, levándoo para fóra, enterrárono.  Pasadas unhas tres horas entrou a súa muller, que non sabía nada do caso,  e preguntoulle Pedro: —Dime ¿vendéste-la propiedade en tanto? Ela contestou: —Si, en tanto.  Entón díxolle Pedro: —¿Por que acordastes isto, para tentárde-lo Espírito do Señor? Mira, chegan á porta os pés dos que enterraron o teu home e vante levar a ti tamén. 10  No instante, caeu ós seus pés e morreu. Cando entraron os mozos, atopárona morta e enterrárona a carón do seu home. 11  Un gran temor apoderouse entón de toda a Igrexa e de tódolos que sentiron estas cousas. 12  Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; 13  dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima. 14  A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. 15  A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles. 16  Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados. 17  Entón o gran sacerdote e tódolos seus, que formaban a secta dos saduceos, enchéronse de rabia; 18  botaron man dos apóstolos e metéronos na prisión pública. 19  Mais de noite, o anxo do Señor abriu as portas da prisión pública, fíxoos saír e díxolles: 20  —Ide, presentádevos no templo, e faládelle ó pobo toda a mensaxe desa Vida. 21  Sentindo isto, entraron no templo ó amencer e ensinaban. Mentres, chegou o xefe dos sacerdotes cos seus, reuniron o Sanedrín e todo o Senado israelita e mandáronos ir buscar á prisión, para facelos comparecer. 22  Mais, chegados os gardas á prisión, non os encontraron; volveron e anunciáronllelo. 23  —Certamente o cárcere atopámolo pechado con toda seguranza, e as sentinelas montando garda diante das portas; pero, cando abrimos, non encontramos a ninguén dentro. 24  Ó que sentiron estas palabras, tanto o oficial da garda do templo coma os xefes dos sacerdotes, cavilaban perplexos como sucedera aquilo. 25  Nisto chegou un que lles dixo: —Os homes que encarcerastes están no templo e ensinando ó pobo. 26  Entón foi o xefe da garda cos seus axudantes e trouxéronos; pero sen violencia, porque tiñan medo de que a xente lles tirase pedras. 27  En chegando presentáronos ó Sanedrín. O xefe dos sacerdotes interrogounos: 28  —Expresamente vos mandamos que non ensinasedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home. 29  Pedro e os apóstolos responderon: —Cómpre obedecer a Deus antes cós homes. 30  O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; 31  pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. 32  E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá ós que o obedecen. 33  Ó sentiren isto, rabiaban de carraxe e queríanos matar. 34  Pero erguéndose no consello un fariseo que se chamaba Gamaliel, mestre da Lei, aprezado por todo o pobo, ordenou que, por un pouco, levasen para fóra ós apóstolos. 35  Dixo: —Israelitas: ¡coidadiño co que ides facer con eses homes! 36  Porque nestes últimos tempos ergueuse Teudas, dicindo ser alguén, e xuntóuselle un número duns catrocentos homes: pero, en canto o mataron a el, tódolos que o seguiron disolvéronse e non quedou nada. 37  Despois del nos días do empadroamento, alzouse Xudas o Galileo, que arrastrou xente tras el; tamén el morreu e tódolos que o seguían se dispersaron. 38  E agora dígovos: desentendédevos deses homes, deixádeos estar, que, se esta empresa ou esta obra é cousa de homes, desfarase por si mesma; 39  pero, se é de Deus, non a poderedes desfacer. ¡Non vaia ser, mesmo, que vos encontredes loitando contra Deus! E cadraron de acordo. 40  Entón chamaron polos apóstolos, e, despois de os azoutar, ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir. 41  Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do Nome; 42  e cada día, no templo e nas casas non paraban de ensinar e de anuncia-la Boa Nova de que Xesús é o Mesías.

Notas ó pé