Evanxeo segundo San Lucas 15:1-32
15 Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a el para o escoitaren.
2 Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
—Este acolle os pecadores e come con eles.
3 Entón Xesús contoulles esta parábola:
4 —¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa?
5 E cando a atopa, volve todo contento
6 para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”.
7 Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.
8 E ¿que muller que teña dez moedas e perde unha, non encende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala?
9 E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”.
10 Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.
11 E dixo tamén:
—Un home tiña dous fillos.
12 O máis novo díxolle ó pai: “Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde”. El repartíulle-los seus bens.
13 Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.
14 Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade.
15 Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coida-los porcos.
16 Alí chegou a ter gana de enche-lo estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
17 Recapacitando, pensou: “¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame.
18 Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti;
19 xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.
20 Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno garimosamente.
21 O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo”.
22 Pero o pai díxolles ós seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés.
23 Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa.
24 Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.
25 Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mailo baile.
26 Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba.
27 O criado contestoulle: ”Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou mata-lo cuxo cebado por recuperalo san e salvo”.
28 Entón alporizouse moito, e non quería entrar.
Pero o pai, saíndo, intentouno convencer.
29 El díxolle: “Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para farrear cos meus amigos;
30 e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e máta-lo cuxo cebado”.
31 O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu,
32 ¿que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?”.