Evanxeo segundo San Lucas 16:1-31

16  E díxolles tamén ós seus discípulos: —Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens.  Chamou por el e díxolle: “¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido”.  O administrador púxose a cavilar: “¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza.  ¡Ora! ¡Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!”.  Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ó primeiro: “¿Ti canto lle debes ó meu amo?”.  El respondeulle: “Débolle cen bocois de aceite”. El díxolle: “Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta”.  Despois preguntoulle ó segundo: “¿Ti canto debes?”. Respondeulle: “Debo cen ferrados de trigo”. Díxolle el: “Pois colle o teu recibo e escribe oitenta”.  O amo louvou a aquel administrador inxusto pola renartería con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.  Por iso eu avísovos: —Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. 10  Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. 11  Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confia-la verdadeira? 12  E se no alleo nos sodes fieis, ¿quen vos vai confia-lo voso? 13  Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mailo diñeiro. 14  Oíndo estas cousas, os fariseos, que tan amigos son dos cartos, facían riso del. 15  El díxolles: —Vós, moita fachenda de perfectos; pero Deus coñécevos por dentro; e o que loce ante os homes é noxento para Deus. 16  A Lei e mailos Profetas chegaron ata Xoán. Desde entón anúnciase o Reino de Deus, e todos utilizan a forza para entrar nel. 17  Pero máis facilmente pasarán o ceo e maila terra do que caia un simple til da Lei. 18  Todo o que repudia a súa muller e casa con outra, comete adulterio; e o que casa cunha repudiada polo seu marido, tamén comete adulterio. 19  Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba tódolos días espléndidos banquetes. 20  Ó pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, 21  que estaba desexando mata-la fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lambe-las chagas. 22  Resulta que morreu o pobre, e levárono os anxos ó seo de Abraham. Morreu tamén o rico, e enterrárono. 23  Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abraham e mais a Lázaro no seu seo. 24  Entón suplicoulle dicindo: “Ai, pai Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume”. 25  Pero Abraham contestoulle: “Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. 26  Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós”. 27  Entón el insistiu: “Suplícoche, pai Abraham, que o mandes a casa do meu pai, 28  onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos”. 29  Pero Abraham respondeulle: “Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles”. 30  El volveu insistir: “Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán”. 31  Pero Abraham replicoulle: “Se a Moisés e mais ós Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado”.

Notas ó pé