Evanxeo segundo San Lucas 18:1-43

18  Propúxolles tamén unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:  —Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home.  Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ó meu contrario”.  El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: “Anque non temo a Deus nin respecto o home,  como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida”.  E o Señor continuou: —Escoitade o que di un xuíz inxusto.  ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles?  Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra?  Propuxo tamén esa parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais: 10  —Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. 11  O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche gracias porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. 12  Gardo o xexún dúas veces por semana e pago o dezmo de todo canto gaño”. 13  O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levanta-los ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”. 14  Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano. 15  E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 16  Entón Xesús chamounos e dixo: —Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. 17  Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel. 18  Un home importante preguntoulle: —Mestre bo, ¿que teño que facer para acada-la vida eterna? 19  El contestoulle: —¿E por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. 20  Xa sábe-los mandamentos: Non cometas adulterio, non mates, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e maila túa nai. 21  El respondeu: —Todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade. 22  Oíndo aquilo Xesús díxolle: —Aínda che queda unha cousa: vende todo canto tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme. 23  Ó que oíu estas cousas, o home aquel quedou moi apesarado, porque era moi rico. 24  Xesús, ó velo así, comentou: —¡Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus! 25  É máis fácil para un camelo entrar polo ollo dunha agulla, que para un rico entrar no Reino de Deus. 26  Tódolos que o escoitaban comentaron: —Daquela ¿quen se vai poder salvar? 27  Pero el dixo: —O que para os homes é imposible, é posible para Deus. 28  Entón díxolle Pedro: —Pois nós, deixámolo todo, e seguímoste. 29  Xesús respondeulle: —Tede por seguro que ninguén que deixa casa ou muller ou irmáns ou pais ou fillos polo Reino de Deus, 30  non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna. 31  E levando á parte ós Doce, díxolles: —Ollade que subimos a Xerusalén, e vaise cumprir todo o que está escrito polos profetas acerca do Fillo do Home. 32  Vano entregar ós pagáns, burlaranse del, aldraxarano e cuspirán nel, 33  azoutarano e matarano. Pero ó terceiro día resucitará. 34  Pero eles non entenderon nada disto. Resultábanlle enigmáticas estas palabras e non comprenderon o que lles quería dicir. 35  Cando chegaba a Iericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño. 36  Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. 37  Dixéronlle que era Xesús de Nazaret, que pasaba por alí. 38  El exclamou: —¡Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min! 39  Os que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase pero el aínda berraba máis alto: —¡Fillo de David, ten mágoa de min! 40  Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle: 41  —¿Que é o que queres que che faga? El respondeu: —Señor, que volva ver. 42  Xesús díxolle: —Recobra a vista: salvoute a túa fe. 43  E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, louvando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, tamén louvaba a Deus.

Notas ó pé