Evanxeo segundo San Lucas 23:1-56

23  Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilato.  Alí empezárono a acusar, dicindo: —Atopamos a este revolucionando ó pobo, impedíndolle paga-lo tributo ó César, e declarándose ademais Mesías e rei.  Pilato preguntoulle: —¿Es ti o rei dos xudeus? Respondeulle: —Ti o dis.  Entón díxolles Pilato ós sumos sacerdotes e mais á xente: —Eu non atopo delito ningún neste home.  Pero eles teimaban dicindo: —Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.  Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo.  Ó saber que pertencía á xurisdicción de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.  Herodes, ó ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre.  Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. 10  Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mailos letrados acusándoo arrufadamente. 11  Herodes e mailos seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. 12  E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos. 13  Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mailo pobo 14  e díxolles: —Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; 15  nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; 16  así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar. 17  — 18  Pero todos empezaron a berrar, dicindo: —¡Fóra ese, solta a Barrabás! 19  (Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade). 20  Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. 21  Pero eles berraban: —¡Crucifícao, crucifícao! 22  Pilato replicou por terceira vez: —¿Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino. 23  Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. 24  Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. 25  Soltou ó que reclamaban —o encadeado por revolta e asasinato—, e a Xesús entregóullelo ó seu antollo. 26  Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. 27  Ía tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. 28  Xesús volvéndose a elas, díxolles: —Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. 29  Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: ”Afortunadas as ésteriles, os ventres que non enxendraron e os peitos que non criaron”. 30  E pediranlles ós montes: ¡Caede enriba de nós!, e ós outeiros: tapádenos. 31  Porque se isto fan coa árbore verde, ¿que lle pasará á seca? 32  Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos. 33  E cando chegaron ó lugar chamado “A Caveira”, crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del. 34  Xesús dicía: —Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan. E, botando á sorte, repartiron a roupa del. 35  A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo: —A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido. 36  Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, 37  dicindo: —Se ti e-lo rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo. 38  E había un letreiro enriba del: “Este é o rei dos xudeus”. 39  Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén: —¿Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós. 40  Pero contestoulle o outro, reprendéndoo: —¿Seica non temes a Deus, ti que sófre-la mesma condena ca el? 41  Nós, polo menos, recibímo-lo que merecemos, pero este non fixo mal ningún. 42  E dicíalle: —Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei. 43  Xesús respondeulle: —Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso. 44  Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. 45  Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. 46  Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo: —¡Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito. E dicindo isto, morreu. 47  O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo: —Realmente este home era inocente. 48  E toda a xente que acudira ó espectáculo, ó ve-lo que pasaba, volvía batendo no peito. 49  Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea. 50  Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro 51  —anque el non estivera de acordo co proceder do Consello—, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus, 52  presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 53  Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear. 54  Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado. 55  Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba. 56  Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.

Notas ó pé