Evanxeo segundo San Lucas 4:1-44
4 Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, voltou do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante,
2 durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ó cabo deles sentiu fame.
3 E díxolle o Satán:
—Se e-lo Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
4 Respondeulle Xesús:
—Está escrito: O home vive de algo máis ca de pan.
5 Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre tódolos reinos do mundo.
6 Díxolle o Satán:
—Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero:
7 Se me adoras todo será teu.
8 Respondeulle Xesús:
—Escrito está: Adorara-lo Señor, o teu Deus, e só a El darás culto.
9 Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
—Se e-lo Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo,
10 que está escrito: Mandará ós seus anxos para que te garden; e tamén:
11 Levarate nas súas mans para que non se manquen os teus pés nas pedras.
12 Xesús respondeulle:
—Está mandado:Non tentara-lo Señor, o teu Deus.
13 E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.
14 Coa forza do Espírito Santo, Xesús voltou a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
15 Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
16 Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura,
17 e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
18 O Espírito do Señor está sobre minporque El foi quen me unxiupara proclamárlle-la Boa Nova ós pobres.
Mandoume para lles anuncia-la liberación ós secuestradose a vista ós cegos,para lles dar liberdade ós asoballados,
19 e proclama-lo ano de gracia do Señor.
20 Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Tódolos ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel.
21 Logo empezoulles a dicir:
—Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
22 E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de gracia que saían da boca del. E dicían:
—¿Pero non é este o fillo de Xosé?
23 El díxolles:
—Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
24 Pero el continuou:
—Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra.
25 Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país;
26 e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón.
27 E moitos gafos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.
28 Oíndo estas cousas, tódolos que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras;
29 así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo.
30 Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
31 Baixou entón a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados adoitaba ensinar.
32 Todos estaban sorprendidos do ensino, porque falaba con autoridade.
33 E aconteceu que había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demonio inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
34 —¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? ¿Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.
35 Xesús ordenoulle:
—¡Cala a boca e bótate fóra dese home!
E o demo tirou co home no medio e medio e saíu del sen lle facer mal.
36 Todos ficaron abraiados e falaban entre eles dicindo:
—¿Que terá a súa palabra? Con autoridade e poder manda nos espíritos malos, e eles fanlle caso.
37 E a sona de Xesús estendeuse por tódolos lugares daquela terra.
38 Ó que saíu da sinagoga, entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle por ela.
39 Achegándose a onde estaba, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. De seguida ergueuse ela, e púxose a servilos.
40 Á tardiña, cantos tiñan enfermos de calquera doenza leváronllos; el, impoñendo as mans sobre cada un deles, curounos a todos.
41 De moitos saían os demos tremendo e dicindo: “Ti e-lo Fillo de Deus”. Pero el berráballes e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.
42 Ó abri-lo día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno, indo tras el e tratando de retelo para que non os deixase.
43 Pero el díxolles:
—Tamén cómpre que anuncie o Reino de Deus noutras vilas, que para isto me mandaron.
44 E andou predicando polas sinagogas de Xudea.