Evanxeo segundo San Lucas 7:1-50
7 Cando lle acabou de falar á xente, entrou en Cafarnaúm.
2 Había un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte.
3 Como tiña oído falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose salva-lo criado.
4 Eles, presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
—Merece que lle fagas isto,
5 pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu a sinagoga.
6 Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa o centurión mandou uns amigos a dicirlle:
—Señor, non te molestes, pois non son digno de que entres baixo o meu teito;
7 por iso coidei que non era digno de ir ó teu encontro. Abonda cunha palabra túa, e o meu criado quedará curado.
8 Pois eu, anque son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este “vai”, e vai; a aqueloutro “ven”, e vén; e ó meu criado “fai isto”, e faino.
9 Oíndo aquilo, Xesús ficou abraiado, e virándose díxolle á xente que o seguía:
—Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.
10 E, ó voltaren á casa, os mandados atoparon san o criado.
11 Despois disto foi a unha vila, chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente.
12 Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila.
13 Ó vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
—Non chores.
14 E achegándose, tocou o cadaleito —os que o levaban pararon—, e el mandou:
—Rapaz, falo contigo: ¡érguete!
15 O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai.
16 Todos quedaron impresionados e louvaban a Deus, dicindo:
—Un gran profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
17 E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.
18 Os discípulos de Xoán informárono de todo isto. Entón Xoán, chamando a dous deles,
19 mandounos onda o Señor a lle preguntar:
—¿Es ti o que ten que vir, ou esperaremos por outro?
20 Presentáronse, logo, onda el os dous homes e dixeron:
—Xoán Bautista mándanos a ti, para preguntarche: “¿Es ti quen ten que vir, ou esperaremos por outro?”.
21 Naquela mesma hora curou a moitos de doenzas, padecementos e malos espíritos, e devolvéulle-la vista a moitos cegos.
22 E logo déulle-la resposta:
—Ide e contádelle a Xoán o que acabades de ver e oír: os cegos ven, os coxos andan, os gafos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova.
23 E ditoso quen non se escandalice de min.
24 Ó que se foron os mensaxeiros de Xoán, comezou Xesús a falarlle de Xoán á xente:
—¿Que fostes ver no deserto? ¿Unha canivela abaneada polo vento?
25 ¿Ou que fostes ver, logo? ¿Un home vestido con roupas finas? Pero os que visten elegantemente e con luxo están nos pazos reais.
26 Pois logo, ¿que fostes ver? ¿Un profeta? Si, e asegúrovos que moito máis ca un profeta.
27 Este é de quen está escrito:Olla, mando o meu mensaxeiro diante de tipara que prepare o camiño ante ti.
28 E dígovos: aínda non naceu de muller ninguén meirande do que Xoán Bautista, anque o máis pequeno no Reino de Deus é meirande ca el.
29 (A xente toda escoitábao, e mesmo os recadadores de impostos recoñecían a gracia de Deus, facéndose bautizar co bautismo de Xoán.
30 En troques os fariseos e mailos xuristas frustraron o plan de Deus ó refugaren o seu bautismo).
31 ¿Con quen vos compararei este tipo de xente? ¿A quen se asemellan?
32 Semellan eses rapaciños que, sentados nos rueiros, rifan entre eles dicindo:“Tocámo-la frauta e non bailastesfixémo-lo pranto e non chorastes”.
33 Porque aparece Xoán Bautista, que non come nin bebe, e dicides: “Ten o demo no corpo”.
34 E aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: “Mira que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e pecadores”.
35 Con todo, a sabedoría de Deus quedou ben acreditada por todos aqueles que son fillos dela.
36 Un fariseo convidouno a comer; Xesús entrou na casa del e púxose á mesa.
37 Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra,
38 botouse por detrás ós pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.
39 Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:
—Se este fose un profeta, coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
40 Xesús tomou a palabra e díxolle:
—Simón, teño algo que che dicir.
El contestou:
—Pois dío, Mestre.
41 —Un prestamista tiña dous debedores, un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta.
42 Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles ós dous. Ora, ¿quen deles o amará máis?
43 Respondeulle Simón:
—Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.
El contestou:
—Ben dito.
44 E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
—¿Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos.
45 Non me déche-lo bico, pero ela desde que entrou non parou de me bica-los pés.
46 Non me unxíche-la cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume.
47 Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
48 E díxolle a ela:
—Os teus pecados están perdoados.
49 Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:
—¿Quen é este, que mesmo pretende perdoa-los pecados?
50 Pero el díxolle á muller:
—Salvoute a túa fe, vai en paz.