Evanxeo segundo San Mateo 11:1-30

11  En rematando de lles dar estas instruccións ós doce discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.  Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:  —¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?  Respondeulles Xesús: —Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo:  os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova.  ¡E ditoso quen non se escandalice de min!  Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente: —¿Que fostes ver ó deserto?: ¿unha cana abaneada polo vento?  Pois logo, ¿que fostes ver?: ¿un home vestido con roupas finas? Pero os que vesten roupas finas están nos pazos dos reis.  Pois logo, ¿a que saístes?: ¿a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. 10  Este é de quen está escrito:Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,para que prepare o teu camiño. 11  Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el. 12  Desde o tempo de Xoán Batista ata agora o Reino dos Ceos está a ser violentado, e os violentos arrepáñano. 13  Pois ata Xoán profetizaron tódolos Profetas e maila Lei. 14  El é Elías, o que tiña que vir; así que aceptádeo, se queredes. 15  Quen teña oídos, que escoite. 16  ¿Con quen compararía eu esta xeración? Aseméllase a eses rapaces que, sentados no rueiro, rifan entre si 17  dicindo:Tocámo-la frauta, e non bailastes;fixémo-lo pranto, e non chorastes. 18  Porque apareceu Xoán, que nin comía nin bebía, e din: “ten o demo no corpo”; 19  apareceu o Fillo do Home, que come e bebe, e din: “que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e pecadores”. Con todo, a sabedoría quedou acreditada polas súas obras. 20  Entón empezou a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres, pero que non se converteran. 21  —¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai xa tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. 22  Por iso dígovos: O día do Xuízo será moito máis levadeiro para Tiro e Sidón do que para vós. 23  E ti, Cafarnaúm: ¿Seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo! Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. 24  Por iso dígovos que Sodoma terá un día do Xuízo máis levadeiro ca vós. 25  Naquel tempo dixo Xesús: —Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. 26  Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. 27  Meu Pai ensinoume tódalas cousas e ninguén coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar. 28  Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. 29  Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; 30  porque o meu xugo é levadeiro e a miña carga leviá.

Notas ó pé