Evanxeo segundo San Mateo 16:1-28
16 Chegaron os fariseos e mailos saduceos, e, para o poñeren a proba, pedíronlle que lles mostrase un sinal do ceo.
2 El respondeulles:
—Vós á tardiña dicides: “Vai vir bo tempo, porque hai roibéns no ceo”;
3 e á mañanciña: “vai haber treboada, porque o ceo está sombrizo”. ¿Así que sabedes discerni-lo cariz do ceo, e non sodes capaces de interpreta-los sinais dos tempos?
4 ¡Esta xeración malvada e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. E deixounos coa palabra na boca.
5 Ó pasaren para a outra banda, os discípulos esquenceron levar pan.
6 E díxolles Xesús:
—Tede coidado. ¡Ollo co fermento dos fariseos e saduceos!
7 Comentaban entre eles: “É que non trouxemos pan”.
8 Xesús decatouse e díxolles:
—¡Como, homes de pouca fe: así que estades aí debatendo que non tedes pan!
9 ¿Aínda non acabades de entender e non vos acordades dos cinco bolos de pan para cinco mil, e de cantas cestas enchestes?
10 ¿Nin dos sete bolos para catro mil, e de cantas cestas enchestes?
11 ¿Como non entendedes que non era de pan do que eu vos falaba? ¡Coidado! ¡Ollo co fermento dos fariseos e dos saduceos!
12 Entón comprenderon que non lles falara de que tivesen coidado co fermento do pan, senón da doutrina dos fariseos e saduceos.
13 Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
14 Eles responderon:
—Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
15 Insistiu:
—E vós, ¿quen dicides que son?
16 Respondeu Simón Pedro:
—Ti e-lo Mesías, o Fillo do Deus vivo.
17 E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo.
18 E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela.
19 Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
20 E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
21 Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.
22 Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
—Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
23 Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
—¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
24 Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga.
25 Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo.
26 Pois ¿de que lle serve ó home gaña-lo mundo enteiro se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobra-la súa vida?
27 Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conducta.
28 Tende por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do Home vir no seu Reino.