Evanxeo segundo San Mateo 19:1-30

19  Cando terminou Xesús estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán.  Seguiuno moita xente, e el púxose a lles curar alí os enfermos.  Chegaron onda el uns fariseos e preguntáronlle para poñéreno a proba: —¿É lícito repudia-la muller por un motivo calquera?  El respondeu: —¿Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio,  e que dixo: Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne?  De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home.  Preguntáronlle: —¿E logo como é que Moisés mandou entrega-lo certificado de divorcio e repudiala?  El respondeu: —Debido á dureza do voso corazón, permitiuvos Moisés repudia-las vosas mulleres; pero ó principio non era así.  Asegúrovos que quen repudia a súa muller (sacado que estea malvivindo) e casa con outra, comete adulterio. 10  Entón dixéronlle os dicípulos: —Pois se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún. 11  El contestoulles: —Non todos entenden esta linguaxe, senón aqueles a quen se lles concedeu. 12  Hainos que non poden casar, porque naceron así do ventre da súa nai; outros, porque así os fixeron os homes; e outros, porque eles mesmos se fixeron así polo Reino dos Ceos. Quen poida entender, que entenda. 13  Leváronlle entón uns nenos, para que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles. 14  Mais Xesús díxolles: —Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o Reino dos Ceos. 15  E despois de lles impoñe-las mans, marchou de alí. 16  Nisto acercouse un para lle preguntar: —Mestre, ¿que teño que facer de bo para acada-la vida eterna? 17  El contestoulle: —¿Por que me preguntas acerca do bo? Soamente Un é Bo. E se queres entrar na vida, garda os mandamentos. 18  El preguntoulle: —¿Cales? Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; 19  honra a teu pai e a túa nai, e ama ó teu próximo coma a ti mesmo. 20  O mozo contestou: —Todas esas cousas xa as gardo. ¿Que é o que me falta? 21  Respondeulle Xesús: —Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes, e dállelo ós pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois, ven e sígueme. 22  Oíndo estas cousas, o xove marchou moi aflixido: tiña moitos bens. 23  Entón díxolles Xesús ós seus dicípulos: —Asegúrovos que lles vai ser difícil ós ricos entrar no Reino dos Ceos; 24  volvo a asegurarvos; é máis fácil para un camelo pasar polo ollo dunha agulla que para un rico entrar no Reino dos Ceos. 25  Oíndo aquilo, os discípulos aínda estaban máis abraiados e comentaron: —Pero logo, ¿quen se vai poder salvar? 26  Mirando para eles fixamente, díxolles: —Si, para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible. 27  Entón interveu Pedro dicindo: —Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. ¿Que nos vai tocar? 28  Xesús respondeu: —Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgárde-las doce tribos de Israel. 29  E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna. 30  E hai moitos que son os primeiros e serán os últimos; e moitos que son os últimos e serán os primeiros.

Notas ó pé