Evanxeo segundo San Mateo 2:1-23

2  Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:  —¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saí-la súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.  Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén.  Convocou a tódolos sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nace-lo Mesías.  Eles responderon: —En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:   E ti Belén, terra de Xudea,de ningún xeito e-la máis pequena,entre as vilas de Xudea,que de ti ha saí-lo guíaque será o pastor do meu pobo Israel.  Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela.  Logo mandounos a Belén, dicíndolles: —Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.  Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. 10  Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela. 11  E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Postráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. 12  Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño. 13  En canto se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle: —Érguete, colle o neno e maila nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai busca-lo neno para acabar con el. 14  Xosé ergueuse, colleu o neno e maila nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. 15  Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta: Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto. 16  Daquela Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse moito. E, botando contas polos datos dos magos, mandou matar a tódolos nenos de dous anos para abaixo, de Belén e da bisbarra. 17  Daquela cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías: 18  Oíuse un berro en Ramah,choros e moito lamento: é Raquel que chora polos seus fillos,e non se quere consolar porque xa non existen. 19  En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto 20  e díxolle: —Érguete, colle o neno e maila nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno. 21  Ergueuse Xosé, e collendo o neno e maila nai, foise para a terra de Israel. 22  Pero, ó saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, 23  indo vivir a unha vila chamada Nazaret. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.

Notas ó pé