Evanxeo segundo San Mateo 3:1-17
3 Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando:
2 —Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos.
3 El era de quen dixera o profeta Isaías:Unha voz clama no deserto:Preparade o camiño do Señor,endereitade os seus vieiros.
4 Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguidor de coiro no van, e mantíñase de saltóns e mel bravo.
5 Ía onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e mais da banda do Xordán.
6 Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.
7 Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles:
—¡Raza de víboras! ¿Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar?
8 Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión,
9 e non vos fagades ilusións dicindo entre vós: “Somos fillos de Abraham”, porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de Abraham mesmo destas pedras.
10 Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e toda árbore que non dea froito cortarase e botarase ó lume.
11 Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis forte ca min, e nin tan sequera son digno de lle leva-las sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume.
12 Porque trae a forcada na man, para limpa-la súa eira e na hucha recolle-lo trigo; e ha queima-la palla nun lume que nunca se apaga.
13 Entón apareceu Xesús, que viña desde Galilea ó Xordán, para que Xoán o bautizase.
14 Xoán trataba de impedilo dicindo:
—¿Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?
15 Xesús respondeulle:
—Deixa agora, pois convén que cumprámo-la vontade de Deus.
Xoán accedeu.
16 Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata se pousar enriba del.
17 E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:
—Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.