Evanxeo segundo San Mateo 8:1-34
8 Cando Xesús baixou do monte foino seguindo moita xente.
2 E nestas achegouse a el un gafo, que, postrándose ante el, díxolle:
—Señor, con só que queiras pódesme limpar.
3 El estendeu a man e tocouno, dicindo:
—Quero, queda limpo.
E, coa mesma, quedou limpo da lepra.
4 E díxolle Xesús:
—Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ó sacerdote, e ofrece o donativo que prescribiu Moisés para que lles sirva de testemuño.
5 Ó entrar en Cafarnaúm achegóuselle un centurión que lle suplicou
6 dicindo:
—Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.
7 Díxolle Xesús:
—Eu irei e curareino.
8 Replicoulle o centurión:
—Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito, abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure.
9 Que eu, anque son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes; e dígolle a este: “vai”, e vai; a aqueloutro: “ven”, e vén; e ó meu criado: “fai isto”, e faino.
10 A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo, e díxolles ós que o seguían:
—Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel.
11 E dígovos que moitos de oriente e mais de occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob, no Reino dos Ceos.
12 Pero ós fillos do Reino botaranos para fóra, á escuridade; alí será o pranto e o trisca-los dentes.
13 E Xesús díxolle ó centurión:
—Vaite, que se cumpra segundo a túa fe.
E naquela hora curou o criado.
14 En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deste deitada con febre.
15 Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo.
16 Contra a tardiña leváronlle moitos endemoniados, e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos.
17 Así cumpriuse o que deixara dito o profeta Isaías:Apandou coas nosas doenzase cargou coas nosas enfermidades.
18 Vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda.
19 E achegándose a el un letrado díxolle:
—Mestre, seguireite vaias a onde vaias.
20 Respondeulle Xesús:
—As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousa-la cabeza.
21 Outro dos seus discípulos díxolle:
—Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.
22 Xesús respondeulle:
—Ti sígueme, e deixa que os mortos enterren ós mortos.
23 Subiu á barca, e seguírono os seus discípulos.
24 De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía.
25 Os discípulos fórono espertar, exclamando:
—¡Señor, sálvanos que afogamos!
26 El díxolles:
—¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe?
E poñéndose de pé increpou os ventos e mailo mar, e veu unha grande calma.
27 Os homes, abraiados, dicían:
—¿Quen será este que mesmo os ventos e mailo mar lle fan caso?
28 En chegando á outra banda do mar, ó país de Gadara, saíronlle ó camiño desde uns sepulcros dous endemoniados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí.
29 E berrando dicían:
—¡¿Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? ¿Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?!
30 Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando,
31 e os demos rogáronlle:
—Se nos botas, mándanos para a manada de porcos.
32 El díxolles:
—Ide.
Saíron, e fóronse para os porcos, que, guindándose barranqueira abaixo, foron dar ó mar, onde morreron afogados.
33 Os porqueiros, fuxindo, chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoniados.
34 E toda a vila saíu ó encontro de Xesús. E cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.