Miqueas 1:1-16
1 Palabra do Señor que lle foi dirixida a Miqueas, natural de Mórexet, nos días de Iotán, Acaz e Ezequías, reis de Xudá: visión que el tivo encol de Samaría e Xerusalén.
2 Escoitade, pobos todos; prestade atención, terra e o que a enche. O Señor Deus servirá de testemuña contra vós; o Señor, que virá do seu templo santo.
3 Si, velaí o Señor que sae do seu santuario, baixará e camiñará sobre as alturas da terra.
4 Os montes derreteranse por debaixo del e fenderanse os fondais dos vales.
Coma a cera pola presencia do lume, coma a auga que corre pola ladeira.
5 Todo isto sucederá pola apostasía de Xacob e polo pecado da casa de Israel.
¿Quen é o causante da apostasía de Xacob? ¿Acaso non é Samaría?
¿Quen é o outeiro que fai pecar a Xudá? ¿Acaso non é Xerusalén?
6 Converterei a Samaría nunha morea de pedras, nunha viña plantada de novo.
Farei corre-las súas pedras ata o val, e deixarei ó descuberto os seus alicerces.
7 Tódolos seus ídolos serán machucados, e tódolos seus regalos serán queimados no lume.
Converterei tódalas súas imaxes nunha desolación, pois foron feitas xuntando ganancias das prostitutas e ganancias das prostitutas volverán ser.
8 Por isto, voume lamentar e chorar, vou camiñar descalzo e espido.
Vou facer unha lamentación coma os chacais e un canto de loito coma os poliños da avestruz.
9 Incurable é o golpe que dá o Señor. Si, chega ata Xudá.
O Señor peta ata nas portas do meu pobo, ata en Xerusalén.
10 En Gat, non o proclamedes, en Bocó non choredes.
En Bet Leafrah espoldrexade no po.
11 Que a poboación de Xafir faga resoa-la trompeta por medio de vós.
Si, que saia espida e avergonzada a poboación que habita en Caanán.
Hai dó en Bet Haésel, retíresevo-lo seu apoio.
12 A poboación de Marot espera o ben, pero baixa a desgracia de xunto ó Señor ás mesmas portas de Xerusalén.
13 Engancha os cabalos ó carro, poboación de Láquix.
É o comezo do fracaso, filla de Sión, pois en ti están as transgresións de Israel.
14 A ti, Moréxet de Gat, impuxéronche o xugo os emisarios. Para os reis de Israel as casas de Aczib volvéronse un regueiro sen auga.
15 Farei entrar de novo ó conquistador en ti, poboación de Marrexah.
E penetrará ata Adulam a gloria de Israel.
16 Corta e arrinca o cabelo polos fillos dos teus praceres, agranda a túa calva coma a do voitre, xa que eles van ó desterro lonxe de ti.