Proverbios 10:1-32
10 Proverbios de Salomón.
Fillo sabio alegra a seu pai,fillo necio dá mágoa a súa nai.
2 Tesouros mal gañados non dan proveito,pero a xustiza libra da morte.
3 O Señor non deixa pasar fame á gorxa do xustomais porá impedimento ó degoiro dos malos.
4 Man indolente acarrexa pobreza,brazo dilixente enriquece.
5 Quen recolle no verán é asisado,quen dorme durante a colleita é unha desgracia.
6 As bendicións para a cabeza do xusto,pero a violencia tapa a boca do malvado.
7 A lembranza do xusto provoca bendicións,mais a sona dos perversos podrece.
8 Home de mente sabia acolle directrices,o de labios necios bótase a perder.
9 Quen camiña a dereitas vai seguro,quen vai polas tortas é atrapado.
10 Quen fai que non ve acarrexa dor,quen corrixe na cara constrúe a paz.
11 Manancial de vida é a boca do xusto,mais o parolar dos perversos encobre violencia.
12 O odio encende liortas,pero o amor pasa por riba da ofensa.
13 Nos labios do intelixente atópase a Sabedoría,no lombo do parvo, o fungueiro.
14 Os sabios amorean saber,mais a boca do necio é ruína inminente.
15 A fortuna do rico é o seu castelo almeado,o terror dos pobres é a súa miseria.
16 A paga do xusto é a vida,a ganancia do malvado é o erro.
17 Camiña para a vida quen acepta a instrucción,o que refuga a corrección pérdese.
18 É de labios falaces o que acocha xenreirase quen espalla calumnias é un insensato.
19 Nunha chea de verbas non faltará o erro,o que contén os labios sabe o que fai.
20 Lingua de xusto, prata de lei;matinar de perversos, refugallo.
21 Os labios do xusto pastan a moitos,os parvos morren por falta de siso.
22 É a bendición do Señor a que fai ricoe o esforzo non engade nada.
23 Tramar un plano torcido é o xogo do necio,e do home intelixente é a Sabedoría.
24 Ó malvado vénlle enriba o que teme,ós xustos dáselle-lo que arelan.
25 Pasou a galerna, esvaeceu o malvado;mais o xusto é un alicerce perenne.
26 Vinagre para os dentes, fume para os ollos;tal é o preguiceiro para quen lle dá un mandado.
27 O Temor do Señor acrecenta días,os anos dos malvados abrévianse.
28 Leda é a expectación dos xustos,a esperanza dos malvados perecerá.
29 Salvagarda do honrado é o poder do Señor,mais é terror para os que fan o mal.
30 O xusto non será endexamais abaneado,os malvados non habitarán a terra.
31 A boca do xusto produce Sabedoría,a lingua mentireira será tallada.
32 Os labios do xusto flúen boa vontade;a boca malvada, dobres intencións.