Proverbios 12:1-28

12  O que ama a instrucción ama o saber,mais o que odia a corrección é estúpido.   O bo acada o favor do Señor,pero El condena ó retorto.   O home non se ten en pé sobre a maldade,mais a raiceira dos xustos non se conmove.   A muller mañosa é a coroa do seu home,a desvergonzada é carie nos ósos.   Teima dos xustos é a equidade;matinación dos malvados, o engano.   As verbas dos perversos son emboscadas criminais,o falar dos rectos fainos ceibes.   Os malvados son abatidos e desaparecen,pero o casal dos xustos mantense.   Louvan a un polo seu siso,mais o arteiro será aldraxado.   Mellor lle vai a un home modesto que teña de que vivir,do que ó fachendoso que non ten pan. 10  O de bo natural atende á fame do gando,mais os sentimentos do malvado son crueis. 11  Quen traballa a súa terra fartarase de pan,o que anda ás nugallas é parvo. 12  O alicerce dos malvados é derrubado,mais o raigaño dos xustos mantense. 13  Enguedéllase o malo no exceso dos seus labios,pero o xusto foxe da estreitura. 14  Pode un home encherse co froito do que fala,e ser recompensado polo que faga coas mans. 15  Ó parvo parécelle recta a súa conducta,mais soamente é sabio quen escoita un consello. 16  A carraxe do parvo axiña se mostra,mais o astuto disimula unha inxuria. 17  O home veraz conta a verdade;a testemuña falsa, a mentira. 18  Persoas hai que falan a estocadas,a fala dos sabios é medicina. 19  Falar sincero dura para sempre;fala embusteira, tan só un intre. 20  O engano é a intención dos que argallan o mal,mais a ledicia é a paga dos que aconsellan a paz. 21  Ningún mal caerá sobre o xusto,mais os malvados fican cheos de coitas. 22  Aborrece o Señor os labios mentireiros,comprácese, en troques, nos que practican a verdade. 23  O home astuto esconde o seu saber,os parvos pregoan as súas tolemias. 24  Man dilixente, ó goberno;man nugallá, a servir. 25  A ansiedade no corazón do home angústiao,a verba agarimosa alégrao. 26  O home de ben móstralle a vía ó amigo,o camiño dos perversos extravía. 27  O preguiceiro non asa o que cazou,mentres o dilixente amorea riquezas. 28  No vieiro da xustiza atópase a vida,o camiño da necidade leva á morte.

Notas ó pé