Proverbios 14:1-35
14 A muller sabia constrúe o seu lar,a tolemia destrúeo coas propias mans.
2 Quen ten bo proceder teme o Señor,o de camiños tortos desprézao.
3 O falar do parvo é unha vara nas súas costas,as palabras dos sabios defenden.
4 Falta de gando, merma de gran;forza no boi, colleita farturenta.
5 Testemuña de lei non mente,testemuña falsa burbulla mentiras.
6 O burlento procura sabedoría e non a atopa,mais para o intelixente o saber é cousa doada.
7 Fuxe do rastro do tolo,non encontrarás nel labios xuizosos.
8 O saber do astuto acláralle o camiño,a tolemia dos parvos lévaos ó engano.
9 Os necios búrlanse da culpa,os honrados distinguen o facer axeitado.
10 Só o espírito sabe da propia amargura,ningún alleo ten parte na súa ledicia.
11 O casal dos perversos vénse abaixo,a tenda dos honrados prospera.
12 Ás veces coida un que é recto o seu camiño,e, ó remate, vai dar na morte.
13 Mesmo no rir sofre o corazón,e a ledicia acaba na dor.
14 O renegado fartarase do seu proceder,e o home bó, do das súas obras.
15 O inxenuo dá creto ó que sexa,o asisado calcula os seus pasos.
16 O sabio é cauto e afástase do mal,o parvo chímpase tan seguro.
17 O impulsivo fai toleiradas,mais o que bota contas agarda.
18 Os inxenuos teñen por herdanza a necidade,o asisado abrangue o saber.
19 Os malvados dobréganse diante dos bos,e os impíos, ás portas do xusto.
20 O pobre é odiado mesmo do seu compañeiro,o rico ten amigos a milleiros.
21 Quen aldraxa ó seu veciño, peca;bendito quen se apiada dos pobres.
22 ¿Por caso non erran os que argallan o mal?
A bondade e a fidelidade son para os que fan o ben.
23 Todo traballo ten o seu proveito,mais o parolar leva á miseria.
24 A coroa dos sabios é a súa riqueza,diadema dos insensatos é a necidade.
25 Testemuña de fiar salva vidas,o perxuro é un enredante.
26 O temor do Señor é a fortaleza dun home,para os seus fillos é un refuxio.
27 O temor do Señor é fonte de vidaque afasta das trapelas da morte.
28 Pobo numeroso é orgullo do rei;merma de xente, ruína do príncipe.
29 Demostra bo siso o lento na ira,quen ten arroutadas ben proba que é parvo.
30 Ánimo temperado, saúde no corpo;a envexa corroe os ósos.
31 Quen asoballa ó pobre inxuria ó seu creador,e faille honra quen acorre a un mendigo.
32 Pola súa malicia o malo é refugado,mais ten confianza o xusto cando morre.
33 En mente atinada mora a sabedoría,no interior dos necios expira.
34 A xustiza fai grande a unha nación,o pecado é a desgracia dos pobos.
35 O favor do rei vai ó ministro avisado;a súa carraxe, ó desvergonzado.