Carta ós Romanos 12:1-21
12 Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos coma sacrificio vivo, santo, grato a Deus: coma o voso culto espiritual.
2 E non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.
3 En virtude da gracia que se me deu, dígovos, por tanto, a todos e a cada un de vós: que ninguén se teña por máis do que convén, senón que un se teña no que se debe ter, conforme á medida da fe que Deus lle deu a cadaquén.
4 De igual xeito que nun só corpo temos moitos membros, e non tódolos membros teñen a mesma función,
5 así nós, con sermos moitos, somos un só corpo en Cristo; e individualmente somos membros uns dos outros.
6 Pero, ó termos dons diferentes, hanse exercer conforme á gracia que se nos concedeu: se temos don de profecía, debe ser en harmonía coa fe;
7 se de ministerio, no servicio; se de ensinanza, no ensino;
8 se de consolación, no conforto; se de dar esmola, con xenerosidade; o que preside, con solicitude; o que se compadece, con alegría.
9 Que o amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ó ben:
10 sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua;
11 no traballo non teñades preguiza; no espírito, afervoados; para o Señor, coma escravos.
12 Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, afincados na oración;
13 solidarios nas necesidades dos santos e practicando a hospitalidade.
14 Bendicide ós que vos perseguen, bendicide e non maldigades.
15 Alegrádevos cos que están alegres, chorade cos que choran.
16 Tédevos na mesma estima uns a outros: non vos deades aires de grandeza, senón acomodádevos ós humildes. Non vos teñades por moi sabidos.
17 Non volvades mal por mal a ninguén: que todo o mundo vexa que procuráde-lo ben.
18 No posible, en canto dependa de vós, mantede a paz con tódolos homes.
19 Meus queridos amigos, non tomedes por vós mesmos a vinganza; deixade máis ben que actúe a ira de Deus, pois está escrito: miña é a vinganza, eu darei o merecido, di o Señor.
20 Pero se o teu inimigo ten fame, dálle de comer; se ten sede, dálle de beber: obrando así, amoreas brasas acesas enriba da súa cabeza.
21 Non te deixes vencer polo mal, senón vence o mal a forza de ben.