Carta ós Romanos 5:1-21
5 Xustificados, logo, pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo.
2 Por El temos tamén entrada a esta gracia na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de logra-la gloria de Deus.
3 E non só isto, senón que estamos orgullosos nas tribulacións, sabendo que a tribulación enxendra a paciencia,
4 a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza.
5 E a esperanza non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
6 De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos.
7 Non é fácil, en verdade, que alguén queira morrer por un home xusto (anque por un home bo, quizais se atreva alguén a morrer);
8 pero Deus demostróuno-lo seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós.
9 Con máis razón logo, agora que xa estamos xustificados polo seu sangue, seremos por El salvos da ira.
10 Porque, se cando eramos aínda inimigos, fomos reconciliados con Deus mediante a morte do seu Fillo, moito máis, xa reconciliados seremos salvos pola súa vida.
11 Aínda máis: mesmo orgullosos estamos en Deus por medio do noso Señor Xesús Cristo, por quen agora recibímo-la reconciliación.
12 Isto enténdese cun exemplo: o pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado.
13 Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; anque o pecado non se ten en conta cando non hai Lei;
14 a pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha figura arquetípica daquel que está para vir.
15 Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron tódolos demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a gracia e o don de Deus rebordaron sobre todos.
16 Nin pasou co don o mesmo que coas consecuencias do pecado dun único home: porque o xuízo, partindo dunha soa transgresión, rematou en condena; en troques, o don, partindo de tantos delitos, rematou en absolución.
17 Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, ¡canto máis os que recibiron a abundancia da gracia e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
18 Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre tódolos homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para tódolos homes a xustificación que dá a vida.
19 Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a tódolos homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.
20 Porque a Lei entrou para que a transgresión abundase; pero onde abundou o pecado, sobreabundou a gracia,
21 para que, como reinou o pecado traendo a morte, así tamén a gracia reinaría pola xustiza, que produce a vida eterna, por medio de Xesús Cristo noso Señor.