Carta de Santiago 3:1-18

3  Meus irmáns, que non haxa moitos de vós a se poñeren de mestres; xa sabedes que ós mestres os han xulgar con maior severidade,  porque todos pecamos moitas veces. Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrea-lo seu corpo enteiro.  Ollade: ós cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlámo-lo seu corpo.  E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar.  Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: ¡cunha fogueiriña cantas fragas poden arder!  E a lingua é un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola súa banda, toda a nosa vida desde os comezos.  Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa;  a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte.  Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimolos ós homes, creados semellantes a Deus. 10  Dos mesmos beizos saen a bendición e maila maldición. E isto, irmáns, non debía ser así. 11  ¿É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga? 12  Meus irmáns, ¿é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce. 13  ¿Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa conducta as obras feitas con asisada mansedume. 14  Pero, se téde-lo corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a verdade; 15  esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal, endiañada. 16  Pois onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. 17  Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. 18  O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.

Notas ó pé