As boas noticias segundo Xoán 1:1-51

  • “A Palabra chegou a ser un home” (1-18)

  • O testemuño de Xoán o Bautista (19-28)

  • Xesús, o Cordeiro de Deus (29-34)

  • Os primeiros discípulos de Xesús (35-42)

  • Felipe e Natanael (43-51)

1  No principio a Palabra existía, a Palabra estaba con Deus e a Palabra era un deus*​. 2  El estaba no principio con Deus. 3  Tódalas cousas chegaron a existir por medio del, e nin unha soa cousa chegou a existir sen el. O que chegou a existir 4  mediante el foi a vida, e a vida era a luz dos seres humanos. 5  A luz brilla no medio da escuridade, pero a escuridade non a puido apagar*​. 6  Veu un home que foi enviado como representante de Deus e que se chamaba Xoán. 7  Este home veu como testemuña para dar testemuño acerca da luz, para que persoas de todo tipo cresen grazas a el. 8  Xoán non era esa luz, pero veu para dar testemuño acerca desa luz. 9  A luz verdadeira que ilumina a todo tipo de persoas estaba a punto de vir ó mundo. 10  De feito, el* xa estaba no mundo e o mundo chegou a existir por medio del, pero o mundo non o recoñeceu. 11  Veu á súa propia casa, pero a súa xente non o aceptou. 12  Pero a tódolos que si que o recibiron deulles o dereito de chegar a ser fillos de Deus, porque estaban demostrando que tiñan fe no seu nome. 13  Eles non naceron de humanos*​, nin pola vontade humana*​, nin pola vontade dun home, senón que naceron como fillos de Deus. 14  A Palabra chegou a ser un home* e viviu entre nós. E vimos a súa gloria, unha gloria coma a que recibe un fillo unixénito de parte do seu pai. El estaba cheo do favor de Deus* e ensinaba a verdade. 15  (Xoán deu testemuño acerca del. Berrou: “El é sobre quen dixen: ‘O que vén detrás de min adiantóuseme porque existía antes ca min’!”.) 16  Do que el está cheo, todos nós recibimos en abundancia: bondade inmerecida sobre bondade inmerecida. 17  Porque a Lei foi dada mediante Moisés, pero a bondade inmerecida e a verdade chegaron a existir mediante Xesucristo. 18  Ningún humano viu nunca a Deus. O deus unixénito, que está ó lado do Pai*​, é quen nos explicou como é el. 19  Cando os xudeus enviaron uns sacerdotes e uns levitas desde Xerusalén para preguntarlle “Ti quen es?”, Xoán deu este testemuño. 20  En vez de negarse a contestar, admitiu: “Eu non son o Cristo”. 21  Eles preguntáronlle: “Entón, ti quen es? Es Elías?”. El contestoulles: “Non, non o son”. Despois preguntáronlle: “Es o Profeta?”. E contestou: “Non!”. 22  Así que eles dixéronlle: “Dinos quen es, para que lles deamos unha resposta ós que nos enviaron. Ti quen dis que es?”. 23  El contestou: “Eu son a voz de alguén que berra no deserto ‘Endereitade o camiño de Xehová*​!’, tal como dixo o profeta Isaías”. 24  Aqueles homes que lle estaban facendo preguntas viñan de parte dos fariseos*​. 25  E preguntáronlle: “Se non es o Cristo, nin Elías, nin o Profeta, entón por que bautizas?”. 26  Xoán contestoulles: “Eu bautizo en auga. Entre vós hai alguén ó que non coñecedes. 27  El é o que vén detrás de min, e eu nin sequera merezo desatarlle as correas das sandalias”. 28  Estas cousas pasaron en Betania*​, ó outro lado do Xordán, onde Xoán estaba bautizando. 29  Ó día seguinte, Xoán viu que Xesús viña cara a el e dixo: “Mirade, o Cordeiro de Deus que quita o pecado do mundo! 30  El é sobre quen dixen: ‘Detrás de min vén un home que se me adiantou, porque existía antes ca min’. 31  Nin sequera eu o coñecía, pero estou bautizando en auga para que Israel poida saber quen é el”. 32  Xoán tamén confirmou isto* cando dixo: “Vin o espírito santo baixar do ceo coma unha pomba e manterse enriba del. 33  Nin sequera eu o coñecía, pero quen me enviou a bautizar en auga díxome: ‘Saberás quen é o que bautiza en espírito santo cando vexas que o espírito baixa e se mantén enriba del’. 34  E eu iso vino, e dei testemuño de que este é o Fillo de Deus”. 35  Ó día seguinte, Xoán estaba outra vez alí con dous dos seus discípulos. 36  E cando viu a Xesús camiñando, dixo: “Mirade, o Cordeiro de Deus!”. 37  Cando os dous discípulos escoitaron o que acababa de dicir, foron detrás de Xesús. 38  Entón Xesús xirouse e, ó ver que o seguían, preguntoulles: “Que queredes?”. Eles contestáronlle: “Rabí (que traducido significa ‘mestre’), onde estás aloxado?”. 39  E el díxolles: “Vinde e verédelo”. Eles foron, viron onde estaba aloxado e quedaron con el o resto do día. Eran arredor das 4 da tarde*​. 40  Un dos dous que escoitaron o que Xoán dixera e que seguiron a Xesús foi Andrés, o irmán de Simón Pedro. 41  Despois diso, Andrés encontrou o seu irmán Simón e díxolle “Encontramos o Mesías” (que traducido é Cristo), 42  e levouno a onde estaba Xesús. Cando Xesús mirou para el, díxolle: “Ti es Simón, o fillo de Xoán. A ti vanche chamar Cefas” (que traducido é Pedro). 43  Ó día seguinte, Xesús quería marchar para Galilea. Entón encontrou a Felipe e díxolle: “Faite o meu discípulo*”. 44  Felipe era de Betsaida, da mesma cidade que Andrés e Pedro. 45  Felipe encontrou a Natanael e díxolle: “Encontramos aquel sobre quen escribiu Moisés na Lei e sobre quen escribiron os Profetas. É Xesús de Nazaret, o fillo de Xosé”. 46  Pero Natanael preguntoulle: “De verdade pode saír algo bo de Nazaret?”. E Felipe respondeulle: “Ven a velo ti mesmo”. 47  Cando Xesús viu a Natanael vindo cara a el, dixo: “Mirade, está claro que este é un israelita no que non hai engano”. 48  Natanael preguntoulle: “Como sabes que tipo de persoa son eu?”. Xesús respondeulle: “Vinte cando estabas debaixo da figueira, antes de que Felipe te chamase”. 49  Natanael contestoulle: “Rabí, ti es o Fillo de Deus, ti es o Rei de Israel”. 50  E Xesús respondeulle: “Cres en min porque che dixen que te vin debaixo da figueira? Pois vas ver cousas máis grandes ca estas”. 51  Despois díxolle: “De verdade vos aseguro* que veredes o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando cara ó Fillo do Home*”.

Notas ó pé

Ou “era divina”.
Ou “vencer”.
Refírese “á Palabra”.
Lit. “de sangue”.
Lit. “vontade da carne”.
Lit. “carne”.
Ou “de bondade inmerecida”.
Ou “no peito do Pai”. Refírese a unha posición especial de favor.
É dicir, ó leste do Xordán. Non se refire á Betania que estaba cerca de Xerusalén.
Lit. “deu testemuño”.
Lit. “da hora décima”.
Ou “Sígueme”.
Lit. “Amén, amén”. Ver glosario amén.
Ver glosario Fillo do Home.