As boas noticias segundo Xoán 10:1-42

  • O pastor e os rabaños (1-21)

    • Xesús é o pastor excelente (11-15)

    • “Teño outras ovellas” (16)

  • Os xudeus atacan a Xesús na Festa da Dedicación (22-39)

    • Moitos xudeus non queren crer nel (24-26)

    • “As miñas ovellas escoitan a miña voz” (27)

    • O Fillo está unido ó Pai (30,38)

  • Moitos cren en Xesús no outro lado do Xordán (40-42)

10  “De verdade vos aseguro que o que entra no cercado* das ovellas saltando por riba do muro, en vez de entrar pola porta, é un ladrón. 2  Pero o que entra pola porta é o pastor das ovellas. 3  O garda da porta ábrelle ó pastor, e as ovellas escoitan a voz do pastor. O pastor chama as súas ovellas polo seu nome e lévaas para fóra. 4  Cando as saca todas, vai diante delas. E as ovellas ségueno porque coñecen a súa voz. 5  Pero nunca seguirán un estraño. Escaparán del porque non coñecen a voz dos estraños”. 6  Xesús púxolles esta comparación, pero eles non entenderon o que lles estaba dicindo. 7  Entón Xesús volveulles a dicir: “De verdade vos aseguro que eu son a porta para que pasen as ovellas. 8  Tódolos que viñeron facéndose pasar por min son uns ladróns, e as ovellas non os escoitaron. 9  Eu son a porta, e o que entre por min salvarase. Poderá entrar e saír, e encontrará lugares onde pastar. 10  O ladrón só vén para roubar, matar e destruír. Eu vin para que as ovellas poidan ter vida e poidan seguir vivindo*​. 11  Eu son o pastor excelente, e o pastor excelente dá a súa vida* polas ovellas. 12  O traballador* contratado para mirar polas ovellas, que non é nin pastor nin dono das ovellas, abandónaas e escapa cando ve vir o lobo. Entón o lobo atácaas e fai que se dispersen. 13  Como é un traballador que só traballa polos cartos, non lle importan as ovellas. 14  Eu son o pastor excelente. Coñezo as miñas ovellas e as miñas ovellas coñécenme a min, 15  igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai. Eu dou a miña vida* polas ovellas. 16  ”E teño outras ovellas que non son deste rabaño*​. A esas tamén as teño que traer e elas escoitarán a miña voz. Chegarán a ser un só rabaño cun só pastor. 17  O Pai quéreme porque dou a miña vida para despois volver a recibila. 18  Ninguén ma quita, eu douna voluntariamente. Teño autoridade para dala e para volver a recibila. Isto é o que me mandou facer meu Pai*”. 19  Estas palabras volveron a provocar que os xudeus non se puxesen de acordo. 20  Moitos deles dicían: “Ten un demo dentro e toleou. Por que o escoitades?”. 21  E outros dicían: “Alguén que ten un demo dentro non diría estas cousas. Un demo non pode facer que os cegos volvan a ver, non?”. 22  Por aquel tempo estábase celebrando a Festa da Dedicación en Xerusalén. Era inverno, 23  e Xesús estaba no templo camiñando polo Pórtico de Salomón*​. 24  Entón os xudeus rodeárono e empezaron a dicirlle: “Canto tempo nos vas ter coa intriga? Se ti es o Cristo, dínolo claramente”. 25  Xesús contestoulles: “Xa volo dixen, pero aínda así non o credes. As cousas que fago no nome do meu Pai testifican ó meu favor. 26  Pero vós non credes porque non sodes as miñas ovellas. 27  As miñas ovellas escoitan a miña voz. Eu coñézoas e elas séguenme. 28  Eu doulles vida eterna. Nunca van ser destruídas e ninguén mas quitará das mans. 29  O que me entregou meu Pai vale máis que todo o demais, e ninguén pode quitar as ovellas das mans do Pai. 30  Eu e o Pai somos un*”. 31  Entón os xudeus volveron a coller pedras para matalo a pedradas. 32  Xesús díxolles: “Fixen diante de vós moitas cousas boas que veñen do Pai. Por cal delas me queredes matar a pedradas?”. 33  Os xudeus contestáronlle: “Non te imos matar a pedradas por facer ningunha cousa boa, senón por blasfemar. Porque aínda que es un home, andas dicindo que es un deus”. 34  Xesús contestoulles: “E logo non está escrito na vosa Lei ‘Deus dixo: “Vós sodes deuses*”’? 35  Se Deus chamou deuses a eses que se condena na súa palabra (e as Escrituras non se poden anular), 36  por que me acusades de blasfemia a min por dicir ‘Son Fillo de Deus’, se foi o Pai quen me santificou e enviou ó mundo? 37  Se non fago o que meu Pai quere que faga, non me creades. 38  Pero se o fago, aínda que non me creades a min, polo menos crede polas cousas que fago. Así saberedes e nunca deixaredes de saber que o Pai está unido a min e eu estou unido ó Pai”. 39  Entón intentaron agarralo outra vez para arrestalo, pero el escapou sen que o collesen. 40  Xesús volveu marchar para o outro lado do Xordán, para o sitio onde Xoán bautizaba ó principio, e quedou alí. 41  Moitas persoas foron a velo e empezaron a dicir: “Xoán non fixo nin un só milagre*​, pero todo o que dixo deste home era certo”. 42  E moitos alí empezaron a ter fe en Xesús.

Notas ó pé

Terreo rodeado por unha cerca, valado ou muro onde os pastores gardaban as ovellas.
Lit. “e a teñan en abundancia”.
Ou “alma”. Ver glosario alma.
Ou “xornaleiro”.
Ou “alma”. Ver glosario alma.
Ou “cercado”, é dicir, o lugar onde se gardan as ovellas.
Lit. “Este é o mandamento que recibín do meu Pai”.
Ver glosario Pórtico de Salomón.
Ou “estamos unidos”.
Ou “seres divinos”, é dicir, xuíces humanos de Israel que servían de representantes e portavoces de Deus.
Lit. “sinal”.