As boas noticias segundo Xoán 11:1-57
11 Había un home que se chamaba Lázaro e que estaba enfermo. Era de Betania, a aldea na que vivían María e a súa irmá Marta.
2 Esta foi a María que botou aceite perfumado sobre o Señor e lle secou os pés co seu pelo. E o que estaba enfermo era o seu irmán Lázaro.
3 Así que as irmás de Lázaro mandaron alguén onda Xesús para que lle dixese: “Señor, o teu querido amigo está enfermo”.
4 Pero cando Xesús o escoitou, dixo: “O resultado final desta enfermidade non vai ser a morte, senón darlle gloria a Deus e que o Fillo de Deus reciba gloria mediante ela”.
5 Xesús queríalles moito a Marta, á súa irmá e a Lázaro.
6 Pero cando escoitou que Lázaro estaba enfermo, quedou dous días máis no lugar onde estaba.
7 Despois díxolles ós discípulos: “Vamos outra vez a Xudea”.
8 Pero os discípulos dixéronlle: “Rabí, os de Xudea hai pouco querían matarte a pedradas, e agora vas ir outra vez alí?”.
9 Xesús contestoulles: “O día ten 12 horas de luz, non? O que camiña durante o día non tropeza con nada porque ve a luz deste mundo.
10 Pero o que camiña de noite tropeza porque non hai luz nel”.
11 Despois de dicir isto, tamén dixo: “O noso amigo Lázaro quedou durmido, pero eu vou ir alí a despertalo”.
12 Entón os discípulos dixéronlle: “Señor, se está durmindo, poñerase ben”.
13 En realidade, Xesús quería dicir que Lázaro estaba morto, pero eles pensaban que se refería a que estaba descansando mentres durmía.
14 Así que Xesús díxolles directamente: “Lázaro morreu,
15 e alégrome por vós de que eu non estivese alí, para que creades. Vamos onda el”.
16 Entón Tomás, ó que lle chamaban o Xemelgo, díxolles ós outros discípulos: “Vamos nós tamén e morramos con Xesús”.
17 Cando Xesús chegou, viu que Lázaro xa levaba catro días na tumba*.
18 Betania estaba cerca de Xerusalén, a uns tres quilómetros*.
19 Moitos xudeus viñeran a consolar a Marta e a María pola morte do seu irmán.
20 Cando Marta soubo que viña Xesús, saíu para encontrarse con el, pero María quedou sentada na casa.
21 Entón Marta díxolle a Xesús: “Señor, se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto.
22 Pero incluso agora, sei que todo o que lle pidas a Deus, el vaicho dar”.
23 Xesús díxolle: “Teu irmán vai resucitar*”.
24 E Marta respondeulle: “Eu sei que volverá á vida* na resurrección, no último día”.
25 Entón Xesús díxolle: “Eu son a resurrección e a vida. Quen demostre que ten fe en min, aínda que morra, chegará a vivir.
26 E quen estea vivo e demostre que ten fe en min, non morrerá nunca. Cres ti isto?”.
27 Ela respondeulle: “Si, Señor. Eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, o que tiña que vir ó mundo”.
28 Despois de dicir isto, foi chamar a súa irmá María e díxolle en privado: “O Mestre está aquí e está chamando por ti”.
29 En canto María escoitou iso, levantouse e foi onda el.
30 Xesús aínda non entrara na aldea e seguía no mesmo sitio onde Marta o encontrara.
31 Cando os xudeus que estaban na casa consolando a María viron que ela se levantaba de repente e marchaba, foron detrás dela porque pensaban que ía chorar á tumba*.
32 María chegou a onde estaba Xesús e, cando o viu, botouse ó chan diante del e díxolle: “Señor, se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto”.
33 Cando Xesús viu que María estaba chorando e que os xudeus que ían con ela tamén choraban, partíuselle o corazón* e sentiu moita angustia.
34 Entón preguntou: “Onde o puxestes?”. Eles contestáronlle: “Señor, ven a ver”.
35 E a Xesús caéronlle as lágrimas.
36 Cando os xudeus o viron, empezaron a dicir: “Mirade canto lle quería!*”.
37 Pero algúns deles dicían: “Se este home puido curar o* cego, non puido impedir que Lázaro morrese?”.
38 A Xesús volvéuselle a encoller o corazón, e entón foi á tumba*. En realidade, a tumba era unha cova que tiña unha pedra tapando a entrada.
39 Xesús dixo: “Apartade a pedra”. Pero Marta, a irmá do defunto, díxolle: “Señor, xa debe cheirar, porque xa pasaron catro días”.
40 E Xesús preguntoulle: “Non che dixen que se crías poderías ver a gloria de Deus?”.
41 Así que apartaron a pedra. Entón, Xesús mirou para o ceo e dixo: “Pai, douche as grazas porque me escoitaches.
42 Xa sei que sempre me escoitas, pero dígoo por toda a xente que teño arredor, para que crean que ti me enviaches”.
43 E despois de dicir iso, berrou con forza: “Lázaro, sae para fóra!”.
44 E o home que estivera morto saíu. Levaba as mans e os pés envoltos con vendas, e a cara envolta cunha tea. Xesús díxolles: “Quitádelle as vendas para que poida camiñar”.
45 Cando viron o que fixera Xesús, moitos dos xudeus que viñeran a visitar a María empezaron a ter fe nel.
46 Pero algúns foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús.
47 Así que os sacerdotes principais e os fariseos reuniron o Sanedrín e dixeron: “Que imos facer? Porque este home fai moitos milagres*.
48 Se deixamos que siga así, todos van empezar a ter fe nel, e entón virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo* e a nosa nación”.
49 Entón un deles, que se chamaba Caifás e que era o sumo sacerdote aquel ano, díxolles: “Non entendedes nada.
50 Non vos estades dando conta de que vos convén que morra un só home por todo o pobo, en vez de que toda a nación sexa destruída”.
51 Pero non o dixo porque fose idea súa, senón que, como era sumo sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús ía morrer polos xudeus.
52 E non só polos xudeus, senón tamén para xuntar nun só grupo os fillos de Deus que estaban espallados.
53 Así que ese día empezaron a conspirar para matar a Xesús.
54 Por iso Xesús deixou de aparecer en público entre os xudeus e marchou para a rexión que está cerca do deserto, para unha cidade chamada Efraín, e quedou alí cos discípulos.
55 Faltaba pouco para a Pascua dos xudeus, e moita xente da zona rural subiu a Xerusalén antes da Pascua para limparse cerimonialmente*.
56 Puxéronse a buscar a Xesús, e dicíanse uns ós outros no templo: “Vós que pensades? Virá á festa ou non?”.
57 Pero os sacerdotes principais e os fariseos mandaran que se alguén sabía onde estaba Xesús, tiña que avisar para que puidesen arrestalo.
Notas ó pé
^ Ou “tumba conmemorativa”.
^ Lit. “uns 15 estadios”. Un estadio equivalía a 185 m.
^ Lit. “vaise levantar”.
^ Lit. “se levantará”.
^ Ou “tumba conmemorativa”.
^ Lit. “xemeu no espírito”.
^ Ou “canto cariño lle tiña!”.
^ Lit. “abrirlle os ollos ó”.
^ Ou “tumba conmemorativa”.
^ Lit. “sinais”.
^ É dicir, o templo.