As boas noticias segundo Xoán 12:1-50

  • María bótalle aceite nos pés a Xesús (1-11)

  • Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén (12-19)

  • Xesús predí a súa morte (20-37)

  • A falta de fe dos xudeus cumpre unha profecía (38-43)

  • Xesús veu a salvar o mundo (44-50)

12  Seis días antes da Pascua, Xesús chegou a Betania, onde vivía Lázaro, a quen Xesús resucitara* de entre os mortos. 2  Alí preparáronlle unha cea. Marta servíalles a comida e Lázaro era un dos que estaban ceando* con el. 3  Entón María colleu un frasco* cun aceite perfumado moi caro, de nardo puro, e botoullo nos pés a Xesús. Despois secoulle os pés co seu pelo e a casa enteira encheuse co aroma do aceite perfumado. 4  Pero un dos seus discípulos, Xudas Iscariote, que estaba a punto de traizoalo, dixo: 5  “Por que non se vendeu este aceite perfumado por 300 denarios* e se repartiron os cartos entre os pobres?”. 6  Pero non o dixo porque lle importasen os pobres, senón porque era un ladrón. Como estaba encargado da caixa dos cartos, roubaba o diñeiro que se botaba nela. 7  Entón Xesús dixo: “Déixaa tranquila, para que poida cumprir con este costume como preparación para o día do meu enterro. 8  Porque sempre ides ter os pobres con vós, pero a min non me ides ter sempre”. 9  Mentres tanto, moitos xudeus souberon que Xesús estaba en Betania e viñeron a velo. Pero non viñan só por el, senón tamén por Lázaro, a quen Xesús resucitara* de entre os mortos. 10  Así que os sacerdotes principais puxéronse a conspirar para matar tamén a Lázaro, 11  porque moitos xudeus ían alí para ver o que lle pasara e empezaban a ter fe en Xesús. 12  Ó día seguinte, a gran multitude que viñera para a festa soubo que Xesús estaba chegando a Xerusalén. 13  Entón colleron follas de palmeira, saíron para encontrarse con el e puxéronse a berrar: “Deus, por favor, sálvao! Bendito o que vén no nome de Xehová*​, o Rei de Israel!”. 14  Cando Xesús encontrou un burriño, sentouse nel. Así cumpriuse o que está escrito: 15  “Non teñas medo, filla de Sión. Mira! Vén o teu rei e vai montado nun burriño”. 16  Ó principio, os seus discípulos non entenderon estas cousas. Pero cando Xesús foi glorificado*​, recordaron que estas cousas estaban escritas sobre el e que iso fora o que lle fixeran. 17  A xente que estaba con Xesús cando el lle dixo a Lázaro que saíse da tumba* e o resucitou* de entre os mortos íalles contando* a outros o que pasara. 18  De feito, tamén foi por iso polo que a multitude saíu para encontrarse con Xesús, porque escoitaran que fixera ese milagre*​. 19  Así que os fariseos dixéronse uns ós outros: “Xa vedes que non estamos conseguindo nada. Mirade! Todo o mundo vai detrás del!”. 20  Entre a xente que viñera á festa para adorar a Deus había uns gregos. 21  Eles acercáronse a Felipe, que era de Betsaida de Galilea, e pedíronlle: “Señor, queremos ver a Xesús”. 22  Felipe foillo dicir a Andrés, e os dous foron a dicirllo a Xesús. 23  Pero Xesús contestoulles: “Chegou a hora de que o Fillo do Home sexa glorificado. 24  De verdade vos aseguro que se o gran de trigo non cae ó chan e morre, segue sendo só un gran. Pero se morre, entón dá moito froito. 25  Quen ama a súa vida* vaina perder*​, pero quen odia a súa vida neste mundo vaina manter a salvo e conseguirá vida eterna. 26  Se alguén quere servirme, que me siga. E onde estea eu, alí tamén estará o meu servo. Se alguén quere servirme, o Pai vaino honrar. 27  Agora estou angustiado. E que podería dicir? Pai, sálvame deste momento tan difícil. Pero cheguei a este momento precisamente para isto. 28  Pai, glorifica o teu nome”. Entón escoitouse unha voz desde o ceo que dixo: “Xa o glorifiquei e volvereino a glorificar”. 29  A multitude que estaba alí escoitou iso, e algúns puxéronse a dicir que tronara. Pero outros dixeron: “Faloulle un anxo”. 30  Entón Xesús dixo: “Esta voz non se escoitou por min, escoitouse por vós. 31  Agora estase xulgando o mundo, agora o gobernante deste mundo vai ser botado fóra. 32  Pero cando eu sexa alzado*​, atraerei a min todo tipo de persoas”. 33  En realidade, dixo isto para indicar de que maneira estaba a punto de morrer. 34  A multitude contestoulle: “Sabemos pola Lei que o Cristo existirá para sempre. Entón, como é que dis que o Fillo do Home ten que ser alzado? Quen é ese Fillo do Home?”. 35  Así que Xesús díxolles: “A luz estará entre vós un pouco máis de tempo. Camiñade coa luz mentres a luz estea con vós para que a escuridade non vos domine. O que camiña na escuridade non sabe a onde vai. 36  Demostrade que tedes fe na luz mentres a luz estea con vós, para que cheguedes a ser fillos da luz”. Despois de dicir todo isto, Xesús marchou e escondeuse deles. 37  Aínda que fixera moitos milagres* diante deles, non tiñan fe nel. 38  Así cumpríronse as palabras do profeta Isaías, que dixo: “Xehová*​, quen tivo fe na nosa mensaxe? A quen se lle mostrou o poder* de Xehová*​?”. 39  Isaías tamén dixo cal era a razón pola que non podían crer: 40  “Cegoulles os ollos e fixo que o seu corazón se volvese duro, para que non vexan cos ollos, nin entendan co corazón, nin se volvan a min* e eu os cure”. 41  Isaías dixo isto porque viu a gloria del* e falou sobre el. 42  De todas formas, incluso moitos gobernantes dos xudeus tiñan fe nel. Pero como lles tiñan medo ós fariseos, non o recoñecían abertamente para que non os botasen* da sinagoga, 43  porque lles gustaba máis a aprobación* da xente que a aprobación de Deus. 44  Pero Xesús dixo con voz forte: “O que ten fe en min non só ten fe en min, senón tamén no que me enviou. 45  E o que me ve a min tamén ve a quen me enviou. 46  Eu vin ó mundo como unha luz, para que tódolos que teñan fe en min non sigan estando na escuridade. 47  Pero se alguén escoita as miñas palabras e non as obedece, eu non o xulgo, porque non vin a xulgar o mundo senón a salvalo. 48  O que me rechaza e non acepta as miñas palabras xa ten quen o xulgue. As palabras que dixen xulgarano no último día. 49  Porque non falei pola miña conta. O Pai, que me enviou, foi quen me mandou dicir o que teño que dicir e o que teño que ensinar. 50  E sei que seguir os seus mandamentos significa vida eterna. Así que todo o que digo, dígoo tal e como mo dixo o Pai”.

Notas ó pé

Lit. “levantara”.
Ou “estaban reclinados á mesa”.
Lit. “unha libra”, é dicir, unha libra romana, uns 327 g.
Lit. “levantara”.
Ou “recibiu unha posición elevada”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Lit. “levantou”.
Ou “íalles dando testemuño”.
Lit. “sinal”.
Ou “lle ten afecto á súa vida”. Ver glosario amor.
Lit. “destruír”.
É dicir, executado nun madeiro. Lit. “alzado da terra”.
Lit. “sinais”.
Lit. “brazo”.
Ou “nin se volvan a Deus”, “nin cambien a súa conduta”.
É dicir, a gloria que tiña Xesús ó lado de Xehová antes de existir como humano.
Ver Xn 9:22, nota.
Lit. “gloria”.