As boas noticias segundo Xoán 14:1-31

  • Xesús, o único camiño para chegar ó Pai (1-14)

    • “Eu son o camiño, a verdade e a vida” (6)

  • Xesús promete espírito santo (15-31)

    • “O Pai é superior a min” (28)

14  “Non deixedes que o voso corazón se angustie. Demostrade que tedes fe en Deus, e demostrade que tamén tedes fe en min. 2  Na casa de meu Pai hai moitos sitios onde vivir. Se iso non fose certo, non volo diría. Pero é certo, porque vou preparar un sitio para vós. 3  Ademais, despois de que eu marche e cando xa teña preparado un sitio para vós, volverei e recibireivos na casa, ó meu lado, para que tamén esteades onde estea eu. 4  E xa sabedes o camiño para ir a onde eu vou”. 5  Tomás díxolle: “Señor, non sabemos a onde vas. Como imos coñecer o camiño?”. 6  Xesús contestoulle: “Eu son o camiño, a verdade e a vida. Ninguén pode chegar ó Pai se non é por medio de min. 7  Se me coñecedes a min, tamén coñeceredes o meu Pai. De feito, coñecédelo desde agora e xa o vistes”. 8  Felipe díxolle: “Señor, móstranos o Pai, e con iso xa nos chega”. 9  E Xesús contestoulle: “Felipe, con todo o tempo que levo con vós, e aínda non me coñeces? O que me viu a min tamén viu o Pai. Como me dis ‘Móstranos o Pai’? 10  E logo non cres que estou unido ó Pai e que o Pai está unido a min? As cousas que eu vos digo non son ideas miñas, senón que o Pai, que se mantén unido a min, está facendo as súas obras por medio de min. 11  Crédeme cando vos digo que eu estou unido ó Pai e que o Pai está unido a min. E se non credes polo que digo, crede polas obras que fago. 12  De verdade vos aseguro que quen demostre que ten fe en min tamén fará o que eu fago. E fará cousas aínda máis grandes, porque eu marcho para onda o Pai. 13  Ademais, calquera cousa que pidades no meu nome fareina, para que o Pai sexa glorificado por medio do Fillo. 14  Se pedides algo no meu nome, eu fareino. 15  ”Se me amades, obedeceredes os meus mandamentos. 16  E eu suplicareille ó Pai, e el daravos outro axudante* que estea con vós para sempre: 17  o espírito santo que revela a verdade. O mundo non pode recibilo, porque nin o ve nin o coñece. Pero vós si que o coñecedes, porque está en vós e permanece con vós. 18  Non vos deixarei abandonados*​, eu volverei onda vós. 19  Dentro de pouco, o mundo xa non me verá máis, pero vós si que me veredes, porque eu vivo e vós viviredes. 20  Ese día saberedes que eu estou unido ó meu Pai, que vós estades unidos a min e que eu estou unido a vós. 21  O que acepta os meus mandamentos e os obedece é o que me ama. E meu Pai vai amar a quen me ama, e eu amareino e mostrareime claramente a el”. 22  Xudas (o Iscariote non, o outro) preguntoulle: “Señor, que pasou para que vaias a mostrarte claramente a nós e non ó mundo?”. 23  Xesús contestoulle: “Se alguén me ama, obedecerá as miñas palabras, meu Pai amarao, e meu Pai mais eu viremos a el e viviremos con el. 24  O que non me ama non obedece as miñas palabras. As palabras que escoitades non son miñas, senón que son do Pai que me enviou. 25  ”Dígovos estas cousas mentres aínda estou con vós. 26  Pero o axudante, o espírito santo que o Pai mandará no meu nome, ensinaravos tódalas cousas e faravos recordar todo o que vos dixen. 27  Déixovos a paz, douvos a miña paz. Non vola dou como a dá o mundo. Non deixedes que o voso corazón se angustie nin que teña medo. 28  Escoitastes que vos dixen: ‘Marcho e volverei onda vós’. Se me amades, alegrarédesvos de que vaia onda o Pai, porque o Pai é superior a min*​. 29  Díxenvos isto antes de que pase para que, cando pase, creades. 30  Xa non vou falar moito máis con vós, porque vén o gobernante do mundo, aínda que el non ten ningún poder sobre min*​. 31  Pero para que o mundo saiba que eu amo o Pai, fago exactamente o que o Pai me mandou. Levantádevos, vámonos de aquí.

Notas ó pé

Ou “consolador”.
Ou “orfos”.
Lit. “é maior ca min”.
Ou “non me pode dominar”.